Un científico italoamericano na Serra do Courel

Unha placa conmemorativa recorda a un ornitólogo no monte Formigueiros


quiroga / la voz

Nas abas do monte Formigueiros encóntrase desde hai máis de dúas décadas un monumentos máis peculiares e menos coñecidos da Serra do Courel. Trátase dunha pequena placa metálica cravada nunha rocha e dedicada a memoria de Salvatore Bongiorno, un biólogo de orixe italiana que traballou como profesor de ecoloxía na universidade estadounidense de Connecticut. Falecido prematuramente, Bongiorno mantivo unha estreita relación con Galicia -a súa muller era oriunda de Fisterra- e visitou en numerosas ocasións a serra courelá, un territorio que lle interesou especialmente pola riqueza do seu patrimonio natural.

A placa foi colocada no monte Formigueiros en marzo de 1993, pouco despois do pasamento de Bongiorno, por un numeroso grupo de científicos das universidades de Santiago e Vigo e do Instituto de Investigacións Mariñas desta última cidade que mantiveron amizade con el. Entre eles estaba Javier Guitián, catedrático da universidade compostelá e antigo director da Estación Científica do Courel. Segundo explica, Salvatore Bongiorno aproveitaba as súas vacacións para visitar Galicia e todos os anos acostumaba a facer un percorrido pola Serra do Courel en compañía dos investigadores galegos. «Cando morreu repentinamente en Estados Unidos quedamos todos moi impresionados, quixemos facerlle unha homenaxe e decidimos colocar unha placa nesa parte do monte porque está cerca do bosque da Devesa da Rogueira, un lugar que el apreciaba moito», explica Guitián. «Nese sitio hai unha vista moi bonita do monte e do bosque e por iso pareceunos un lugar apropiado para esta homenaxe», agrega.

No acto de instalación da placa -en marzo de 1993- participaron cerca de medio centenar de científicos galegos que tomaban parte nestes percorridos anuais pola serra, que denominaban coloquialmente como «o periplo». Desde entón, Guitián e outros participantes seguen visitando o lugar cada verán en memoria de Bongiorno.

Investigacións en Galicia

Dada a súa formación, o científico italoamericano interesouse particularmente pola avifauna de Galicia e colaborou en diversos estudos con investigadores relacionados coa Sociedade Galega de Ornitoloxía. Bongiorno non só coñecía ben O Courel, senón tamén a serra ourensá de Enciña da Lastra -outra zona caracterizada pola súa riqueza en avifauna- e publicou varios traballos científicos relacionados cos estudos que fixo sobre o terreo en Galicia. Entre os seus amigos e colaboradores galegos estaba José Guitián, profesor da facultade de Bioloxía de Santiago e coautor xunto con Ignacio Munilla da Guía de las aves de O Courel, un libro publicado no 2004 que está dedicado conxuntamente a Salvatore Bongiorno e ao poeta Uxío Novoneyra. Por outro lado, a Sociedade Galega de Ornitoloxía creou un premio co nome de Salvatore Bongiorno para distinguir cada ano aos investigadores que destacan no estudo das aves do noroeste ibérico.

Pero ademais da importancia das súas achegas ao estudo do patrimonio natural galego, segundo conta Javier Guitián, os profesores e investigadores cos que Salvatore Bongiorno mantiña trato recórdano con moito aprezo polo seu carácter cordial e a súa intensa curiosidade. «Era un home moi activo e inquieto e ademais de ser un científico importante era unha excelente persoa», resume.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

Un científico italoamericano na Serra do Courel