Organizan para o 2 de agosto a primeira subida «sen presa» pola ruta do pico de Penaboa

quiroga / la voz

LEMOS

GUILLERMO DÍAZ AIRA

23 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Un grupo de afeccionados ao sendeirismo organizará o 2 agosto a que denominan como a primeira subida «sen presa» pola ruta de Penaboa, no municipio de Folgoso do Courel, aberta en tempos recentes e considerada como a máis dura de Galicia. Os promotores desta actividade, que foi convocada a través de Facebook, sinalan que moitas persoas que perecorren este itinerario camiñan «en plan competición» e que a súa intención é levar a cabo unha marcha máis lenta que permita disfrutar das paisaxes da serra.

Os participantes no percorrido reuniranse ás oito e media da mañá na localidade de Ferreirós de Abaixo. Os organizadores sinalan que a velocidade máxima será de un quilómetro por hora e que os que a superen serán «castigados con traballos forzados», como podar uces, tallar pasos de escaleira no sendeiro ou amorear pedras para sinalizar a ruta.

A ruta que vai de Ferreirós de Abaixo ao pico de Penaboa ten unha lonxitude aproximada de catro quilómetros, dos cales un consiste nunha forte subida que nalgúns treitos chega a ser case vertical. O camiño foi desbrozado en novembro do ano pasado por iniciativa de Orlando Gregorio Álvarez, membro da organización ecoloxista SOS Courel. Desde que a ruta quedou aberta foi gañando unha celebridade crecente entre os afeccionados ao sendeirismo e ao montañismo e na actualidad atrae a numerosos visitantes. No portal digital especializado Wikiloc xa se publicaron varios planos e descricións do percorrido realizados por visitantes.