A igrexa de Eiré acolle o domingo un concerto de música sacra do Renacemento

monforte / la voz

LEMOS

10 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O consorcio turístico da Ribeira Sacra deu a coñecer a programación dos dous concertos que se ofrecerán por iniciativa desta entidade entre este mes e o próximo en igrexas románicas da zona. O primeiro recital celebrarase este domingo -ás 18 horas- no templo de San Miguel de Eiré, en Pantón, e correrá a cargo do grupo compostelán Vox Stellae. O segundo concerto será ofrecido o 16 de agosto na igrexa de San Clodio de Ribas do Sil, a partir das 21 horas, e será ofrecido polo Grupo de Música Antiga 1500, radicado igualmente en Santiago.

O concerto da igrexa de Eiré desenvolverase baixo o título de «Música para o culto franciscano no Renacemento». O programa estará formado por pezas de música sacra de Giovanni Palestrina, Tommaso Graziani e Francisco Guerrero -compositores do século XVI- e varias obras extraídas dun misal anónimo da catedral de Santiago e da colección de cantos Graduale Romano Seraphicum, ambos da mesma época histórica.

Pezas medievais

Por outro lado, o concerto da igrexa de San Clodio levará o título «Do divino e o mundano. Unha peregrinaxe sonora do século XIII ao XVI». O programa comprenderá, por unha parte, unha serie de pezas de música relixiosa medieval, algunhas delas extraídas das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio. A actuación completarase con varias obras anónimas de música profana dos séculos XV e XVI, cantadas en castelán e portugués, e coa cantiga Señora de hermosura, do compositor renacentista leonés Juan del Enzina.