Hórreos, un estraño topónimo para unha terra sen hórreos

Os veciños da aldea repoboada do Courel recuperan a súa vella ortografía


quiroga / la voz

Abandonada durante case catro décadas, a aldea courelá de Hórreos volveu ter novos veciños hai poucos anos. Nos últimos tempos está recuperando tamén a vella grafía do seu nome, que en diversos documentos históricos aparece mencionada como Órreos ou mesmo como Orrios, como figura no famoso Catastro de Ensenada, no século XVIII. No nomenclátor oficial da Xunta consta como Hórreos, pero o nome aparece sen hache nun letreiro colocado nunha rúa polos novos veciños e así figuraba tamén nos comunicados que anunciaban hai poucos días a chamada Festa da Auga, o primeiro festexo organizado na aldea en moitos anos.

A denominación oficial da localidade segue sendo a mesma, San Pedro de Hórreos. Así se chama a parroquia, formada unicamente por esta aldea e por Ferramulín. Orlando Gregorio Álvarez, portavoz do colectivo ecoloxista SOS Courel, que tamén utiliza a forma Órreos nos seus comunicados, considera que a orixe do topónimo non se debe á presenza dos hórreos. A razón que apunta a este respecto é que en Hórreos non hai ningunha construcción tradicional deste tipo, que tamén está ausente en toda a Serra do Courel. «Os hórreos non forman parte da arquitectura tradicional da zona porque aquí utilizaban os típicos corredores de madeira que hai en moitas vivendas para os usos propios dos hórreos, como secar os cereais», sinala. De feito, o único hórreo coñecido que existe no municipio -na localidade de Vilamor- non foi construído orixinalmente nese lugar. «Ese hórreo está aí porque o trouxo hai anos un veciño que o comprou na zona dos Ancares», engade Álvarez. Trátase dunha construción de planta cadrada, característica dos hórreos das serras orientais lucenses e de Asturias.

En opinión de Álvarez, as verdadeiras orixes doi nome de Hórreos poderían estar nos chamados susorros ou susarros, un pobo que habitou as montañas situadas entre Galicia e o Bierzo nas épocas castrexa e romana. O nome desta antiga comunidade é mencionado na célebre tabula hospitalis ou táboa da hospitalidade, una placa de bronce cunha inscrición en latín datada polos arqueólogos no ano 28 da era cristiá. A táboa foi encontrada non moi lonxe de Hórreos, nas cercanías das ruínas do castelo de Carbedo, e desde 1959 está gardada no Museo Provincial de Lugo. A placa está considerada como unha das pezas arqueolóxicas máis notables e representativas da zona. O texto fala dun pacto establecido entre un tal Tilego, fillo de Ambato -membro do pobo dos susorros- e os habitantes dun lugar denominado Castellum Toletensis, cos que se compromete a manter hospitalidade e amizade.

Outros casos

O nome de Hórreos non é o único caso de toponimia confusa que se rexistra no Courel. O propio nome da serra -O Courel segundo a norma oficial actual- é pronunciado Caurel por moitos veciños e segue aparecendo con esa forma en moitos carteis e folletos. Tamén ten diferentes versións o nome da segunda localidade máis importante do municipio, denominada oficialmente Seoane e chamada polos veciños Savane ou Sevane. Estas dúas formas son as máis empregadas a nivel coloquial. A forma Seoane utilízase case exclusivamente nos documentos oficiais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
30 votos

Hórreos, un estraño topónimo para unha terra sen hórreos