O célebre Museo do Hermitage recibiu unha obra sobre a tradición musical da serra
28 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A recente viaxe a Rusia da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense alcanzou especial notoriedade polo feito de que a formación fose retida ao seu regreso no aeroporto de Moscova debido a un problema cos visados. Pero a visita tivo momentos moito máis positivos, entre os cales destaca a entrega ao Museo do Hermitage de San Petersburgo do libro-disco Músicas do Courel, que recolle a tradición musical da serra lucense.
O acto celebrouse nunha sala do museo onde se expón o cadro O afiador, do pintor ourensán Antonio de Puga, unha célebre obra barroca do século XVII que se conserva desde hai moito tempo na cidade rusa. Xosé Lois Foxo, director da banda e coordinador dos tres volumes de que consta Músicas do Courel, encargouse de entregar persoalmente a obra aos responsables do museo. Na sala estaban presentes tamén o director da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, o cónsul español e o reitor da universidade petersburguesa. Os músicos da formación dirixida por Foxo interpretaron algunhas pezas musicais recollidas na obra, como a titulada Pastora do Courel.
A organización do acto correu a cargo do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo. A profesora Elena Zernova, integrante deste organismo -que desde os anos noventa publica en ruso obras literarias galegas- encargouse de traducir os discursos pronunciados polos visitantes. Foxo sinalou que a obra foi recibida con grande interese polos responsables do museo. «Danlle moito valor ás tradicións musicais e folclóricas e agradeceron que lles facilitásemos material dunha áera xeográfica sobre a cal non tiñan documentación», explicou o músico. «En San Petersburgo hai un círculo moi curioso de intelectuais que aprenderon a lingua galega e tamén hai xente que se interesa pola nosa música», engadiu.
Os tres volumes de Músicas do Courel conteñen en conxunto cerca dun millar de partituras de melodías tradicionais da serra e cinco discos interpretados en grande parte por músicos populares da zona. A obra non está presente só no museo de San Petersburgo, senón tamén en moitos outros lugares. «Teñen copias do libro nos conservatorios de Berlín e de Sidney, por exemplo», apunta Foxo.
Actuacións da banda
Durante a visita a Rusia, a banda ofreceu tamén varios concertos na Embaixada de España e noutros lugares. Estas actuacións e o acto do museo de San Petersburgo, segundo afirma Foxo, compensaron a desagradable experiencia vivida polos músicos en Moscova cando se dispuñan a regresar. «O incidente debeuse a que caducaron algúns dos visados que levábamos e tamén á situación de tensión internacional que hai hoxe en día, que fai que en Rusia haxa desconfianza cos occidentais -sinala-, pero alí tamén vimos moito interese pola nosa música e a nosa cultura».