O narrador oral Lois Pérez e o escritor Lois Diéguez ofrecen actividades no Centro do Viño

monforte / la voz

LEMOS

21 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acollerá mañá -a partir das oito da tarde- unha actuación do narrador oral e dramaturgo lucense Lois Pérez, quen ofrecerá un espectáculo titulado Historias do viño: da Muller Uva ao Cabaleiro Mencía. Segundo a entidade organizadora, a proposta consiste nun «percorrido literario e sentimental polos contos e as historias en que o viño é quen toma as decisións». A entrada será libre e gratuíta.

A actividade forma parte do programa Letras e Viño, que organiza o centro monfortino con motivo do Día das Letras Galegas. Lois Pérez colabora como autor co grupo teatral Pinchacarneito -no que participan persoas con diversidade funcional- e gañou o premio da audiencia do certame de teatro radiofónico da Radio Galega pola súa obra Saltimbanqui, editada en forma de libro cedé, que foi interpretada por el mesmo e polos actores Quico Cadaval, Xan Cejudo e Xosé Olveira Pico.

Paisaxes da Ribeira Sacra

Pola súa parte, o escritor monfortino Lois Diéguez ofrecerá o sábado -a partir das oito tarde-

no mesmo local unha conferencia baixo o título Once lugares encantados da Ribeira Sacra. Segundo explica o propio conferenciante, a actividade consistirá basicamente nunha proxección comentada de imaxes dunha serie de lugares que «máis que monumentos en si son espazos, ruínas, contidos dalgunha igrexa mesmo, feitos da natureza ou paisaxe, lendas ou segredos que no humilde compiten cos grandes monumentos porque inciden no noso corazón e nos emocionan». Entre estes lugares, engade o escritor, están «San Xoán Degolado, Candeda, Lobios, o río Sil, Cadeiras ou Marce». Ademais dun amplo número de obras narrativas e poéticas, Diéguez publicou en 1999 o livro Viaxe ás terras encantadas de Lemos, que describe un longo percorrido por esta comarca. O escritor, que preside a asociación Lugopatrimonio, ten desenvolvido tamén numerosas actividades relacionadas co patrimonio histórico e cultural da provincia e da Ribeira Sacra en particular.