«Nas visitas ás covas hai que pedir máis responsabilidade»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CESAR QUIAN

O científico alerta sobre a conservación das grutas do Courel e dos Ancares

03 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Juan Ramón Vidal Romaní dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña, unha institución que leva varias décadas realizando investigacións científicas nas covas das serras do Courel e dos Ancares. Ao seu xuízo, a obrigatoriedade de pedir permiso para visitas as grutas da zona -establecida no plano director da Rede Natura- terá un efecto moi limitado na conservación destas cavidades.

-¿En que medida se necesitan medidas de protección para estes espazos naturais?

-Está claro que habería que protexer as covas dalgunha maneira, porque sufren danos moi serios. Por un lado está a xente que entra nas cavidades por libre, sen ter coñecementos de espeleoloxía nin a menor preocupación pola conservación destes espazos, e que causan destrozos vandálicos, como arrancar estalactitas ou facer grafitis nas rochas. Despois están os espeleólogos federados, que na grande maioría son persoas civilizadas e respectuosas que incluso axudan nas investigacións científicas. Pero hai que dicir que mesmo entre eles hai ás veces comportamentos imprudentes.

-¿De que tipo?

-Cando se encontra nunha cova algún obxecto que pode ter valor científico, como un óso fósil ou unha peza arqueolóxica, non se pode recoller sen máis do chan. Se esa persoa non ten formación como arqueólogo ou paleontólogo, pode descontextualizar eses obxectos, alterar os xacemento e destruír información. Cousas como esas só as deben facer persoas capacitadas, con titulación científica e con autorización legal. E cando se intentan desobstruír aberturas e condutos sen ter coñecementos de xeoloxía pódense causar tamén estragos irreparables.

-¿Esixir permisos de visita pode ter un efecto positivo?

-Ten que haber un control, pero a cuestión é como se pode facer iso. No Courel hai decenas de covas e é imposible poñer vixilantes en todos eses lugares. Pódese esixir unha autorización para visitar as cavidades, pero non se pode impedir que entre xente sen permiso ningún cando lle apeteza, porque non sempre van estar por alí os axentes do Seprona para impedirllo. É un problema realmente grave, pero non lle vexo unha solución.

-¿Non se pode facer nada máis nese sentido?

-O único que se pode facer é pedir máis responsabilidade. Cos vándalos non hai moito que facer, pero ás asociacións de espeleólogos pódeselles pedir que teñan máis coidado, que controlen máis aos seus membros e que se preocupen por non masificar as visitas.

-¿Cre que estas covas teñen demasiadas visitantes?

-O problema é que as grutas das montañas lucenses e as de Galicia en xeral son pequenas, case coa única excepción das covas do Rei Cintolo en Mondoñedo. Non son grutas de grandes dimensións como as que hai na zona cantábrica. Debido ao seu tamaño son máis fráxiles, porque é moito máis fácil que se produzan destrozos cando hai xente movéndose polo seu interior. Nos últimos anos está habendo moitos visitantes, polo que cada vez é maior o risco.

-¿Nestes lugares ten habido moitos expolios de patrimonio natural?

-En moitos sitios arrancaron estalactitas e estalagmitas e tamén hai xente que recolleu ósos e outros materiais. Levar esas cousas como recordo para telas en casa é absurdo, porque esa xente é incapaz de extraerlles información de valor científico. Dun pedazo de estalagmita, por exemplo, podemos obter datos moi importantes sobre os climas da prehistoria, pero para iso fai falta unha preparación e un equipamento que esas persoas non teñen. Para elas só é un trozo de pedra, pero ao arrancala e levala para casa están destruíndo información científica e empobrecendo o patrimonio. Paréceme tamén moi negativo que haxa persoas con formación universitaria e incluso investigadores que recollen fósiles e outras pezas nas covas de Galicia e as leven lonxe de aquí sen devolvelas nunca. De aquí saíron materiais para Asturias ou para Cataluña e alí seguen. O normal sería que unha vez terminado o seu estudo os entregasen ás institucións galegas, porque tamén forman parte do patrimonio de Galicia. Todos os materiais que recollen os investigadores do noso instituto permanecen en Galicia, que é onde deben estar, porque o normal é que ese patrimonio se manteña vinculado á zona xeográfica á que pertence.

juan ramón vidal romaní xeólogo