Persoal técnico e responsables políticos do Concello de Monforte participarán esta mañá na reunión na que se creará a comisión que ten a misión de aplicar dentro desta institución a segunda edición do plan de igualdade entre homes e mulleres, que estará vixente ata o 2016. O plan fora aprobado por unanimidade pola corporación local do pasado 28 de novembro. Os portavoces municipais aseguran que o seu contido avanza nas políticas de igualdade de oportunidades que se aplican no Concello «desde hai anos».
A reunión de hoxe celebrarase na sala de xuntas do Concello e está convocada pola concellería de Igualdade a través do centro de información á muller. Esta segunda edición do plan prevé crear estruturas de asesoramento e apoio para velar pola súa aplicación.