Morre Carlos Rouco, fundador da oenegué monfortina Salvador Allende

La Voz

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Estaba ingresado no hospital da Coruña, onde foi sometido a un transplante de corazón e ril o pasado día 13

18 feb 2014 . Actualizado a las 16:32 h.

Esta madrugada faleceu na Coruña aos 59 anos Carlos Rouco Rivera, fundador da oenegué monfortina Salvador Allende e activista en causas solidarias dende a súa mocidade. Carlos Rouco padecía hai anos unha doenza cardíaca e o pasado día 13 foi sometido a un transplante dobre de corazón e ril no Hospital A Coruña. Alí permaneceu ingresado ata a súa morte esta pasada noite.

Carlos Rouco, que deixa viúva e dous fillos, nacera en Monforte en 1954. En 1970 emigrou a Alemaña, onde estudou mecánica e traballou primeiro como mariñeiro nun barco mercante e despois nunha fábrica de automóbiles. A finais dos anos setenta, volve a Galicia e empeza a traballar na fábrica de Alúmina Aluminio en San Cibrán, onde continuou ata 1999. Ese ano tivo que coller unha baixa permanente debido a una enfermidade profesional.

Rouco fundou en Monforte a asociación Salvador Allende en 1992, un ano despois dunha viaxe a Cuba na que entrou en contacto cun proxecto de acollida naquel país de nenos vítimas do accidente nuclear de Chernóbil. Salvador Alllende desenvolvería durante os anos noventa unha intensa actividade de divulgación e colaboración con proxectos sociais e culturais con países como Cuba e Nicaragua e colaborou na organización das estancias de verán en Galicia para nenos residentes nos campos de refuxiados saharauis en Alxeria.