Imaxes e palabras sobre a traxedia do Campo do Freixo

f. albo monforte / la voz

LEMOS

CARLOS CORTÉS

22 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolle desde onte -e por espazo dun mes- unha exposición relacionada cun suceso histórico acontecido en Monforte en outubro de 1941 e praticamente descoñecido ata hai algúns anos. A mostra, denominada Coma silvas que comen muros, está inspirada no fusilamento do factor ferroviario Manuel Pérez Goyanes, condenado a morte por un tribunal militar franquista baixo a acusación de ter provocado na estación monfortina un accidente de tren que só causou danos materiais. Este fusilamento foi a última execución pública cometida na cidade.

A exposición está formada por trece imaxes fotográficas tomadas polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo no lugar onde ocorreu o fusilamento, denominado Campo do Freixo. As fotografías están acompañadas por textos dos escritores Lois Diéguez, Olga Novo, Eva F. Ferreira, Xosé Lois García e Marcos Abalde.

A inauguración celebrouse a última hora da tarde de onte ante un numeroso público e contou coa presenza do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e de Mario Outeiro, delegado de Cultura da Deputación, que suliñaron o seu interese para a recuperación da memoria histórica de Monforte. A exposición foi preparada en colaboración con este último organismo e presentouse anteriormente no Museo Provincial.