Recorren ao micromecenato para financiar un proxecto cultural sobre Lois Pereiro

monforte / la voz

LEMOS

CEDIDA

28 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A compañía teatral lalinense Fantoches Baj recorreu ao sistema de micromecenato para financiar un proxecto inspirado na vida e na obra do poeta monfortino Lois Pereiro. O grupo iniciou unha campaña de recadación de fondos para editar o audiolibro Pulp, que se basea nun espectáculo de igual título creado hai tempo por esta compañía que actualmente segue a ser representado en diversas localidades.

A liña argumental do espectáculo e do audiolibro en proxecto, segundo explican os propios creadores, xira en torno aos dous últimos anos de vida do poeta, época en que publicou a súa obra Poesía última de amor e enfermidade. A montaxe, que se encadra no xénero coñecido como teatro de obxectos, desenvólvese en torno ás letras que forman a frase Poesía última de LP. Estas letras -engaden os responsables da compañía- «son as que van construíndo as palabras que designan os espazos, os obxectos e os sentimentos que acompañaron ao poeta, ademais de aparecer representadas as súas relacións e amizades baixo as iniciais dos seus nomes». A obra compleméntase cunha banda sonora composta por Benxa Otero que inclúe fragmentos de pezas musicais de Erik Satie, Gustav Mahler, Bach, José Afonso e outros compositores estimados polo poeta monfortino.

Reunir 6.200 euros

A cantidade mínima que necesita a compañía para financiar este proxecto ascende a 6.200 euros. Esta cifra inclúe os gastos de deseño, maquetación e edición do libro -en papel e en formato electrónico-, a gravación e masterización en estudio da música e dos textos do espectáculo, a produción dos cedés que forman parte da obra, a promoción e os custos de envío. As persoas que colaboren nesta campaña de micromecenato recibirán un exemplar do libro e unha clave de descarga para obter en Internet a versión dixitalizada.