Os cantos medievais de Ribas de Miño resoan en Internet

Editan na Rede pezas cantadas na igrexa románica de Santo Estevo


monforte / la voz

As persoas que non puideron asistir ao concerto que o coro Vox Organalis ofreceu pasado 2 de novembro na igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño -no municipio do Saviñao- teñen a posibilidade de escoitar en Internet unha parte de actuación, que tiña un aforo limitado a cen espectadores. O grupo publicou en Internet varias pezas interpretadas durante ese concerto, que poden ser escoitadas no portal SoundCloud.

Por agora, a formación editou nesta web tres das composicións de música medieval que foron cantadas e rexistradas na igrexa de Ribas de Miño. Unha delas é In taberna quando sumus (Cando estamos na taberna), unha peza pertenecente á coñecida colección Carmina Burana ou Codex Buranus, que contén cantares de goliardos dos séculos XII e XIII. Outra obra gravada durante o referido concerto é Cunctipotens Genitor, un cantar de tipo litúrxico atribuído ao monxe e compositor Tutilo de Sant Gall, que viviu entre os séculos IX e X. A terceira peza editada en Internet é outra composición de carácter relixioso, Congaudeant Catholici, a única obra de canto polifónico a tres voces do século XII que se coñece hoxe. Esta peza forma parte do célebre Códice Calixtino gardado na catedral de Santiago.

Outras obras

No concerto do mes pasado, a coro cantou tamén outras tres obras de música antiga relacionadas co mundo do viño, todas elas do século XV: Bonum vinum, unha composición alemá pertencente á colección Glogauer Liederbuch; Ave color vini clari, do compositor Juan Ponce, e Oy comamos e bebamos, de Juan del Enzina. O programa comprendeu ademais outras dúas obras extraídas do Códice Calixtino, tituladas Rex inmense e Vox nostra resonet, e varias pezas conservadas diversos códices medievais.

O coro Vox Organalis, dirixido por Luís Martínez, está formado polos cantores José Manuel Abeleira, Chema Ares, Daniel Canosa, José Antonio Hoyos, Marcos Mato, Óscar Mato, Daniel Neira e Felipe Sar. Este grupo está integrado na estrutura do coro Vox Stellae como formación especializada en música vocal masculina. O conxunto formouse no 2002 en Santiago e conta tamén coas formacións Vox Principalis -de voces femininas- e Vox Stellae Ensemble, unha formación que combina a música instrumental e vocal. O coro terminou recentemente a gravación do seu primeiro disco, que editará coa axuda da Deputación de Pontevedra.

Votación
2 votos

Os cantos medievais de Ribas de Miño resoan en Internet