Un exemplar de grande tamaño que debeu de servir para bautizar adultos por inmersión

La Voz

LEMOS

07 dic 2013 . Actualizado a las 14:46 h.

Ademais da carga simbólica da sua decoración, a pía de Torbeo destaca polo seu tamaño. Labrada nunha soa peza de granito,

ten uns 120 centímetros e pesa sobre oitocentos quilos. As súas dimensións -explica Casal- indican que serviu para o bautismo de adultos por inmersión.

A historiadora recorda que esta prática foi moi común na Europa medieval, sobre todo nas rexións onde estaban moi arraigadas as crenzas pagás ou heréticas. As pías empregadas para este tipo de bautismo adoitaban estar situadas en edificios especiais separados das igrexas, coñecidos como baptisterios. No século IX, o papa León IV ordenou trasladar as pías para o interior das igrexas. No obstante, o bautismo por inmersión seguiu praticándose en moitos lugares, o que parece que sucedeu en Torbeo. A pía, segundo as estimacións de Casal, dataría de finais do século XII e sería algo máis antiga que a propia igrexa que a alberga. «Posiblemente usouse para os tres tipos de bautismo: por inmersión, por infusión -botando aos nenos a auga na cabeza- e por aspersión, ou sexa, salpicando a auga cos dedos», agrega.

As orixes da pía e da igrexa, segundo Casal, están vinculadas a un mosteiro que existiu en Torbeo desde a época medieval, do que quedaron diversos rastros na toponimia.