Claudio Otero, historiador: «O curtidoiros decaeron cando deixaron de fabricarse zocos»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Premiado por un estudo sobre as vellas fábricas de curtidos de Chantada, Otero segue investigando esta antiga industria

27 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O chantadino Claudio Otero Eiriz gañou a última edición do premio de investigación histórica Condado de Pallares co seu estudo A industria do coiro na provincia de Lugo. O caso de Chantada, que elaborou durante un máster na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago. Licenciado en dereito e estudante de historia, actualmente prepara unha tese de doutoramento na que amplía a toda Galicia a súa investigación sobre a historia das antigas fábricas de curtidos de Chantada.

-A industria do coiro tivo bastante importancia en Galicia. ¿Cando e por que a perdeu?

-Os curtidoiros galegos desapareceron na súa maior parte entre finais dos cincuenta e principios dos sesenta, aínda que xa estaban moi afectados desde os anos trinta. A situación económica da posguerra fixo que durasen máis e en principio parece que a súa desaparición coincide coa fin da chamada etapa de intervención do primeiro franquismo, cando o calzado catalán volve entrar en Galicia. Manexo tamén a hipótese de que a desaparición dos curtidoiros está relacionada co abandono dos zocos, o tradicional calzado de coiro con base de madeira. O uso básico do coiro que saía destas fábricas era a elaboración de zocos e estes caeron en desuso e deixaron de fabricarse na mesma época en que decaeron os curtidoiros.

-¿Que zonas da provincia de Lugo destacaron máis nesta actividade industrial?

-A época que eu investigo é máis ou menos entre 1898 e 1963 e durante ese período, o peso de cada zona depende da época. Entre 1920 e 1930, aproximadamente, Chantada foi unha das áreas máis activas, máis incluso que Lugo capital. Na década dos trinta, Monforte foi o líder provincial durante seis ou sete anos, debido seguramente á súa importante tradición zapateira. Despois as fábricas de Lugo industrialízanse e gañan máis importancia. Tamén houbo núcleos importantes en Sarria, Becerreá, Vilalba, Mondoñedo, Viveiro e Alfoz.

-¿Hoxe quedan moitos vestixios materiais desas industrias?

-Estou facendo un inventario dos edificios que se conservan en Galicia, pero esa parte do traballo está aínda nunha fase inicial. En xeral, onde peor se conservaron as vellas fábricas foi nos grandes cidades, porque ao non ter xa uso convertéronse en obstáculos para o desenvolvemento urbanístico. Das tres fábricas que había en Chantada, dúas desapareceron hai algúns anos e hoxe só queda unha, a da familia Boo, que está bastante ben conservada. De feito, en toda Galicia se cadra xa non hai moitas fábricas en tan bon estado como esta.

-¿Que pode facerse para conservar ese patrimonio?

-Vou dedicar a parte final da miña tese a deseñar alternativas económicas para recuperar eses edificios e intentar evitar que se siga destruíndo o que queda. En Sarria, por exemplo, hai unha antiga fábrica que foi rehabilitada como establecemento de turismo rural. Pero de momento estou centrado na investigación histórica e non comecei esa fase do traballo.

-¿Que fontes de información utiliza para reconstruir a historia dos curtidoiros?

-Unha das fontes máis importantes para medir o seu volume de actividade está nas chamadas contribucións industriais, o precedente do actual imposto de sociedades. É a documentación que a utilizou sobre todo Jordi Nadal, un profesor catalán que é o pai dos estudos de historia industrial en España. En Galicia tamén a emprega o profesor Xoán Carmona Badía, que dirixe a miña tese. Estudar estes documentos dá moito traballo, porque están espallados por moitos concellos e con frecuencia son vellas notas manuscritas difíciles de ler. Tamén aparecen bastantes datos nos arquivos históricos provinciais e nos protocolos notariais.

claudio otero historiador