Arte románica, música medieval e louvanzas ao viño

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

Un concerto do grupo Vox Organalis abarrotou a igrexa de Ribas de Miño

03 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño, no municipio do Saviñao, acolleu onte pola tarde a segunda actuación programada no ciclo «Concertos para os sentidos», promovido polo consorcio turístico da Ribeira Sacra co apoio da Consellería de Cultura. O aforo de cen espectadores previsto para este recital quedou esgotado.

A actuación, ofrecida baixo o lema «Do Codex Calixtinus á exaltación do viño», correu a cargo do grupo vocal masculino Vox Organalis, unha formación vinculada ao coro compostelán Campus Stellae e especializada na interpretación de música medieval e renacentista. Os cantores José Manuel Abeleira, Óscar Mato, Marcos Mato, Chema Ares, Daniel Canosa, Diego Neira, José Antonio Hoyos e Felipe Sar, baixo a dirección de Luís Martínez, interpretaron unha selección de pezas de entre os séculos X e XV, algunhas das cales tiñan en común o feito de estar dedicadas a exaltar o viño, un tema acorde coa tradición vitícola da Ribeira Sacra e coa paisaxe de viñedos que rodea a igrexa de Santo Estevo. Foi o caso das cancións In taberna quando sumus -extraída da célebre colección de cantos de goliardos Carmina Burana, do século XIII- e Bonum vinum, conservada no códice alemán do século XV Glogauer Liederbuch. O coro cantou tamén as pezas Ave color vini clari e Oy comamos e bebamos, dos compositores casteláns do século XV Juan Ponce e Juan del Enzina.

Pezas do Códice Calixtino

O programa completouse con dúas pezas musicais que forman parte do Códice Calixtino -Vox nostra resonet e Rex inmense-, varias composicións medievais conservadas nos códices de Montserrat, El Escorial e Las Huelgas e unha obra de Tutilo de San Gall, monxe suízo do século X.

O ciclo «Concertos para os sentidos» comezou o 19 de outubro no mosteiro ourensán de Santa Cristina de Ribas de Sil cunha actuación do grupo Vox Stellae, que interpretou pezas de polifonía ibérica de entre os séculos XV e XVII. Nesta primeira ocasión tamén se esgotou o aforo.

A intención do consorcio é que este ciclo continúe desenvolvéndose de forma indefinida en diversas igrexas e mosteiros da Ribeira Sacra, organizando dúas actuacións por cada estación do ano. Os concertos serán sempre de música medieval, barroca ou clásica, un contido acorde cos escenarios en que se ofrecen. A entidade espera poder organizar dúas novas actuacións na temporada de inverno.