O grupo Vox Organalis cantará o sábado no Saviñao cantigas medievais dedicadas ao viño

monforte / la voz

LEMOS

CEDIDA

31 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O grupo vocal Vox Organalis, especializado en música antiga, protagonizará o sábado a segunda actuación do ciclo «Concertos para os sentidos», que promove o consorcio da Ribeira Sacra co apoio da Consellería de Cultura. O concerto terá lugar na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño -ás 19 horas- e ofrecerase baixo o lema Do Codex Calixtinus á exaltación do viño.

O programa comprende trece pezas musicais de entre os séculos X e XV, algunhas das cales están dedicadas a exaltar o viño. Entre elas figuran as obras In taberna quando sumus, pertencente á colección de cantos Carmina Burana; Bonum vinum, do códice alemán Glogauer Liederbuch; Oy comamos y bevamos, de Juan del Enzina, e Ave color vini clari, de Juan Ponce. O grupo tamén interpretará composicións do Códice Calixtino e doutras coleccións antigas. As entradas custan cinco euros e poden adquirirse no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte ou na web Ribeirasacra.org/turismo.