Ramón Sandoval, poeta de Sober: «A poesía está en todas partes, ata no asfalto e no fútbol»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Sandoval publicará en breve un libro premiado no certame Victoriano Taibo

05 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O libro Territorios estraños, de Ramón Sandoval, foi galardoado co último premio de poesía Victoriano Taibo, concedido no municipio pontevedrés de Gondomar. Sandoval é natural da parroquia soberina de Barantes, pero reside desde hai moito tempo en Vigo, onde traballa como funcionario de Correos. O premio conleva a publicación da obra, que probablemente sairá do prelo o mes próximo. O autor tamén gañou recentemente en Paradela o premio literario Manuel Orestes Rodríguez.

-¿Este é o primeiro libro de poesía que publica?

-Non, xa hai bastantes anos publiquei un pequeno poemario en castelán, titulado Como una lluvia. A edición estaba autofinanciada e foi unha cousa modesta, sen moita repercusión. O que pasa é que a miña relación coa poesía é moi intermitente. Estiven moi metido nela ata mediados dos noventa, despois pasei como dez ou doce anos sen escribir e retomeina hai uns catro anos. Os poemas teñen que surxir no seu momento e eu son de escritura lenta. Non me interesa escribir nin publicar cando non teño nada que dicir ou cando o que poido dicir nese momento é algo que xa está moi dito.

-¿Como definiría a súa poesía?

-Non me atrevo nin a definir a maior parte da poesía que se fai hoxe, porque penso que para valorala ben hai que deixar pasar un tempo. A miña menos aínda, porque me falta perspectiva e imparcialidade. Agora ben, para describila dalgunha maneira diría que é unha poesía actual e urbana, con certas doses de underground. O que busco é crear imaxes que sexan atractivas para o lector e facer unha poesía con certa profundidade, que faga pensar e que requira de segundas ou terceiras lecturas para ser comprendida.

-¿Ten previsto publicar máis obras proximamente?

-Teño máis poemas escritos que se cadra acaban formando parte dun novo libro, pero xa dixen que son lento escribindo e seguireino sendo sempre. Só me poño a escribir cando sinto a necesidade.

-E como lector, ¿cales os poetas que máis lle interesan?

-Podería dicir moitos nomes, pero en poesía galega o primeiro que me vén á cabeza é Celso Emilio Ferreiro. Interésanme ademais moitos outros, como Álvarez Cáccamo, Manuel María, Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Yolanda Castaño... E tamén Jorge Luis Borges, Bertolt Brecht, Pablo Neruda, García Lorca, Miguel Hernández e moitos máis. Teño moitos referentes, pero á hora de escribir non só me poido inspirar na poesía doutros autores, senón tamén en moitísimas cousas máis, como unha conversa que escoito na rúa, un telexornal ou calquera outra cousa.

-¿Como ve o panorama da poesía galega actual?

-Creo que nunca estivo mal desde hai moitos anos. Hoxe a literatura galega, tanto en poesía como en prosa, ten un nivel de calidade bastante alto e non lle ten nada que envexar á se escribe en castelán ou en catalán, por exemplo. Claro que tamén penso que actualmente se escribe e se publica demasiado, non só en galego senón en calquera das linguas do Estado español, aínda que ao mellor estou dicindo unha barbaridade. Pero hoxe publicar é relativamente fácil e a miña impresión é que antes de editar debería haber unha selección máis rigorosa, un certo control de calidade, porque non todo o que se escribe ten suficiente valor como para ser publicado.

-Vostede foi fundador e directivo do club de fútbol Río Sil de Sober. ¿O fútbol parécelle algo afastado da poesía ou non o é tanto?

-A poesía pode ter relación con calquera cousa, incluído por suposto o fútbol. Antes pensábase convencionalmente que a poesía estaba para falar de cousas como a primavera, o mencer ou a beleza das flores, pero en realidade pode falar de calquera cousa, ata do asfalto e das vomitonas. Eu nunca escribín poesía sobre o fútbol, pero se cadra fágoo algún día. No fútbol hai poesía como a hai en todas partes. Tamén hai poesía nunha desas xogadas maxistrais de Messi, por exemplo.

ramón sandoval poeta de sober