O exemplo do monte comunal

Carlos Cortés
CARLOS CORTÉS LA VOZ / LA VOZ

LEMOS

ÓSCAR CELA

Poñen en marcha un proxecto para defender e aplicar a outras áreas este modelo de propiedade que nin é pública nin privada

03 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Suman unhas 700.000 hectáreas xestionadas por perto de 3.000 comunidades. Son os montes en man común, a cuarta parte do territorio de Galicia, case o 35% da nosa superficie forestal. Non é terreo privado, tampouco público. É propiedade colectiva dos veciños que forman a comunidade, probablemente unha herdanza medieval do dereito xermano. O monte en man común é o protagonista dun proxecto no que traballan media ducia de profesionais de diferentes ámbitos. Empregando as novas tecnoloxías como ferramenta, quérenlles proporcionar ás comunidades unha plataforma común que as faga máis visibles en Internet, artellar un espazo de intercambio para os estudosos deste modelo de propiedade colectiva e organizar actividades científicas, formativas, artísticas ou lúdicas.

O proxecto naceu hai dous anos, pero ata este verán non botou a andar sobre o terreo. Os seus impulsores presentáronos en catro comunidades de monte coas que pretenden empezar a traballar. Unha delas é a de San Vicente de Argozón, en Chantada. «Nós sempre queremos colaborar con xente que dá ideas e ofrece colaboración», explica José Antonio Diéguez, o presidente da xunta do monte de Argozón. Os comuneiros desta parroquia recibiron información sobre o proxecto e compartiron un xantar no Monte Faro cos representantes do colectivo que está tras del.

Unha aposta interesada

«A nosa aposta é interesada, porque a experiencia do monte en man común interésanos para aprender e aplicala a outros eidos», conta Andrea Olmedo, licenciada en xornalismo e a única chantadina que forma parte do grupo promotor deste proxecto. A idea de traballar sobre o monte comunal naceu dos chamados Summer of Labs, foros que se celebran durante o verán en diferentes lugares da costa atlántica europea e no norte de África. Neles, artistas, activistas ou simples curiosos polas aplicacións culturais, sociais ou políticas das novas tecnoloxías comparten experiencias e debaten novos proxectos. Nese contexto, «o monte comunal, como prática centenaria que rompe a dualidade entre público e privado» semella un exemplo extrapolable na procura de formas alternativas «de gobernanza», explica Andrea Olmedo.

O proxecto, bautizado polos seus promotores coa denominación xenérica «O monte é noso», sairá adiante se dá involucrado a unha cantidade significativa de comunidades. O traballo de definición de obxectivos comezou no verán do 2011. Este ano tocou empezar o traballo de campo. Xa teñen contacto cun grupo pequeno de xuntas de montes. Durante o verán visitaron catro delas, -unha a de Argozón- para recoller información coa que comporán unha exposición sobre o monte comunal que se poderá ver proximamente nun centro de arte contemporáneo galego.

Os recursos económicos cos que contan neste momento son fundamentalmente os proporcionados por ese centro. Non hai aínda nada máis. Ningún dos cinco promotores se adican profesionalmente a este proxecto en exclusiva. «Sería bonito poder traballar nisto e a verdade é que lle estamos dedicando case todo o noso tempo», di Andrea Olmedo. Non aspiran a axudas institucionais, pero pensan que si é posible que as propias comunidades que se sumen aporten os recursos precisos para que o traballo avance.

Faltan comuneiros

O campo para ese traballo é grande, aínda que non tanto como parece. Das 2.800 comunidades de montes comunais que ten rexistradas a Xunta case a metade son xestionadas directamente pola Consellería de Medio Rural, xeralmente porque nas súas áreas de influenza xa non quedan comuneiros dabondo.

OS TRES PIARES BÁSICOS

"LAR DE INVESTIGACIÓN COMUNAL"

Foro para estudosos

Espazo aberto para pór en contacto os diferentes traballos teóricos sobre o monte comunal ou o cooncepto de propiedade colectiva que están xa feitos, en proceso ou en proxecto

"CARTOGRAFÍAS COLABORATIVAS"

Un mapa web editable

Plataforma en Internet que incluirá a xeolocalización de todos os montes galegos en man común. Terá espazos para que cada xunta aporte os datos que queira e intercambie información con outras

"PROGRAMA DE RESIDENCIAS"

Traballo sobre o terreo

Convocatoria aberta para desenvolver intervencións nos bosques. Estaría dirixida a arquitectos, enxeñeiros, artistas, sociólogos, biólogos, músicos... Precisaría da colaboración das comunidades