«Os xoves lectores de verdade sempre mercan na feira»

k. armesto / c.c MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Cómics, literatura infantil e bestsellers foron os libros máis vendidos

24 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Feira do Libro de Monforte que remata hoxe acolleu, como todos os anos, a libreiros e editoriais de distintos puntos de Galicia. O bo tempo destes días axudou a que os monfortinos se animasen a pasar polos postos a botar unha ollada ás novidades literarias. Pero neste tipo de feiras, o indicativo a ter en conta non é o público que asiste, que colle un libro, le a contraportada e o volve a deixar no sitio que lle estaba cedido.

Contan os clientes, lectores que pasan pola feira coa intención de mercar. O libro continúa a considerarse un produto de certo luxo, por unha parte polo seu prezo -considerado por moitos elevado- e pola outra, polas novas alternativas como o libro electrónico, máis económico, lixeiro e portable. Aínda así, o ritual de ter o libro nas mans e o valor do tanxible pervive nos lectores de sempre.

«Veño a esta feira dende o 1999 e cada vez hai menos libreiros. Os mozos xa non mercan tanto, prefiren outras maneiras de lecer como os videoxogos. Pero os xoves lectores de verdade, eles sempre mercan», comenta Ada Agrasar, propietaria dunha librería monfortina.

Gonzalo Pérez xa é a décima vez que ven dende Vigo á feira e coincide en apreciar unha baixada de xente que merca. «O panorama está un pouco máis floxo. O que máis se está vendendo é a literatura infantil e o conto ilustrado, porque os pais mercan para os fillos», explica.

Dentro da temática histórica e máis especializada, Paula Arias leva vindo á feira dende hai catro anos co posto da Deputación provincial, no que normalmente son os libros sobre a muralla romana de Lugo os que máis demanda teñen.

De estrea

Os que se estrearon nesta edición da feira foron Luis Sotuela e Marisa Elorrián. Viñeron dende Madrid, onde teñen a editorial Eneida. No seu posto, a oferta principal era o libro Antología general de la poesía gallega, reeditado por eles en edición bilingüe. «Esta antología fue publicada hace sesenta años, la nueva edición bilingüe fue hecha para facilitar que los castellanohablantes puedan acceder a la poesía gallega, y lo presentaremos pronto en Madrid», di Luis Sotuela. Como novidade, a librería Cartabón apostou pola venda da autoedición de autores independentes tanto en formato impreso como en dixital. A biblioteca infantil tivo o maior éxito co seu contacontos e o diferentes obradoiros, nos que os máis pequenos demostraron ter a creatividade e a imaxinación máis que entrenada.