Localizan en Carballedo un importante grupo de petróglifos

Patrimonio incluirá o lugar no inventario de sitios arqueolóxicos


chantada / la voz

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural catalogará proximamente un conxunto de petróglifos localizado por un veciño no municipio de Carballedo, onde ata agora non se inventariara ningunha mostra de arte rupestre prehistórica. Os gravados encóntranse no chamado monte do Fabeiro, no límite entre as parroquias de Veascós e Vilaquinte, e caracterízanse por un deseño complexo a base de círculos concéntricos que os diferencia da maioría dos petróglifos coñecidos ata agora na zona sur da provincia.

Gonzalo Meijide, arqueólogo do mencionado organismo da Xunta -aínda que por agora só examinou os petróglifos mediante algunhas fotografías como a situada á dereita destas liñas-, sinala que os gravados prehistóricos presentan moita similitude con algúns dos que se conservan no municipio de Antas de Ulla. Os deseños deste tipo son bastante comúns na provincia de Pontevedra, pero moi pouco habituais no sur lucense, onde ata hoxe se catalogaron sobre todo figuras dun trazo moi sinxelo, consistentes na maioría das veces en simples buratos. As únicas excepcións coñecidas ata o momento están nas parroquias soberinas de Proendos e Anllo Santo Estevo, onde hai algúns grupos de petróglifos máis complexos.

Os petróglifos do monte do Fabeiro encóntranse en dous puntos diferentes que distan entre si cerca de catrocentos metros. O conxunto de maiores dimensións pode verse nun penedo de entre 2,5 e tres metros de lonxitude. Os demais gravados están nunha rocha algo máis pequena. A uns cincocentos metros do conxunto principal está o chamado castro do Cotillón, un lugar rodeado de lendas populares. «Sobre ese sitio contábanse historias tradicionais acerca dunha moura que gardaba un tesouro e dicíase que debaixo da terra había unha trabe de ouro e outra de prata», explica Miguel Suárez, o veciño que localizou os gravados.

O feito de que estes gravados rupestres se encontren entre dúas parroquias podería indicar que en tempos foron tomados como punto de referencia para trazar a liña divisoria, en opinión de Gonzalo Meijide. «En moitos lugares de Galicia era habitual marcar os límites entre as parroquias tomando como referencia uns penedos cubertos de gravados ou unhas mámoas, porque eran elementos que se podían recoñecer facilmente na paisaxe, e non sería raro que estes petróglifos fosen tamén utilizados con esa intención», explica o arqueólogo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos

Localizan en Carballedo un importante grupo de petróglifos