Adentrarse sen medo nun dos bosques máis salvaxes

La Voz

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Un biólogo de Paderne emprende un proxecto de rutas guiadas e de actividades de lecer polas paisaxes do Courel

10 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Está comprobado que a unión fai a forza. Mostra disto é o proxecto Piapaxaro que xurdiu no Courel o pasado mes de xullo. O emprendedor é Marcos Reinoso, un biólogo vigués que decidiu deixar a urbe para asentarse en Paderne do Courel. Dende aí se articula o Piapaxaro, un proxecto de rutas guiadas e actividades de lecer nas paisaxes do Courel. O biólogo conta coa colaboración de doce casas rurais da zona, para que os turistas que chegan ao lugar, poidan ser partícipes do tesouro natural que agocha o entorno no que se atopan. As rutas propostas son sempre adaptadas ás peticións dos camiñantes. «Hai rutas máis longas, outras máis curtas...Pero todas son didácticas e nelas pódese aprender acerca das diferentes especies e das árbores. Non se trata de rutas para deportistas, o obxectivo é coñecer e sorprenderse», explica Marcos Reinoso.

Piapaxaro incluirá, a partir de setembro, paradas nas súas rutas para ver como se fai o aceite e as marmeladas artesanais da zona. Tamén para máis adiante, se están organizando cursos de fotografía de natureza, de ecoloxía, rutas de orientación e de bicicletas.

Unha proposta atrevida que pretende «darlle valor ao que temos preto e buscar entre todos os da zona, actividades e plans para que a xente vexa que merece a pena quedar máis tempo», comenta o biólogo entusiasmado coa súa iniciativa.