A Universidade de Santiago anunciou o nomeamento de Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático do departamento de produción vexetal da Escola Politécnica Superior de Lugo, como novo director da Estación Científica do Courel. Rigueiro substitúe no cargo a Javier Guitián Rivera, quen dirixiu o centro desde a súa apertura efoi cesado por decisión do reitorado da universidade a principios deste mes.
Segundo fontes da USC, Rigueiro -que é natural do municipio do Incio- «xa fora proposto como candidato para o cargo polos membros da xunta directiva deste centro». O novo responsable -engaden desde a universidade- espera «poder sortear a actual situación de escaseza de recursos económicos para desenvolver durante a súa etapa como director da Estación Científica do Courel talleres, seminarios, conferencias, cursos... que favorezan a transferencia de tecnoloxía e coñecemento á sociedade en cuestións ligadas á conservación medioambiental, agricultura, aproveitamentos de cogomelos...».
Parque natural
Outro propósito expresado polo novo director, segundo a USC, «atinxe ao futuro recoñecemento da Serra do Courel como parque natural», un obxectivo ao que intentará contribuír con distintas accións desde a estación científica. Antonio Rigueiro encargouse de dirixir a redacción do plan de ordenación de recursos naturais que debía servir de base ao parque natural da zona Ancares-Courel, proxectado pola Xunta no 2005. Este plan foi abandonado máis tarde e substituído por dous proxectos diferentes de parque natural para cada unha destas zonas, pero ningún deles conseguiu saír adiante ata agora.
O nomeamento do novo director prodúcese cando falta menos dun mes para cumprirse o terceiro aniversario da apertura da estación científica, que foi inaugurada o 11 de xuño do 2010. Durante os dous primeiros anos de funcionamento, o laboratorio do centro non puido ser utilizado por falta de mobiliario, a pesar de que un dos seus principais obxectivos é fomentar a investigación científica do patrimonio natural da serra.
Durante os últimos meses, o anterior director da estación estivo de baixa médica a causa dunha lesión. Nese período, a profesora Elvira Díaz ocupou provisionalmente o cargo. Despois do seu cesamento, Guitián queixouse de non ter recibido apoio da USC no seu labor.