«A música galega está ferida, pero hai que seguir»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

EDUARDO PEREZ

O veterano intérprete e compositor coruñés ofrecerá o martes un concerto na Casa de Cultura de Monforte

09 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O veterano cantautor coruñés Xoán Eiriz ofrecerá o martes na Casa de Cultura de Monforte -ás doce do mediodía- un concerto dirixido especialmente aos alumnos dos institutos locais, pero aberto a todo tipo de público. É a primeira vez en moito tempo que Eiriz actúa na cidade. O recital será organizado pola concellería de Cultura.

-¿Que vai ofrecer nesta actuación?

-Por un lado interpretarei temas do meu último disco, Trinta anos e unha cantiga de amor, que é un repaso da miña carreira, e algúns dos que estou preparando para o próximo, Dende as cordas do meu corazón. Como é habitual, tanto poido cantar cantigas tradicionais galegas como cancións baseadas en textos dos poetas galegos, como temas propios ou versións en galego de clásicos universais. Ou sexa, no mesmo concerto interpreto unha foliada, un poema de Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro, unha canción composta por min e unha versión en galego de My way, por exemplo.

-Un trazo que o caracteriza é a fidelidade ao galego.

-Iso sempre. Ao longo da miña traxectoria tiven a teima de demostrar que o galego serve para cantar todo tipo de cousas, non só as cantigas tradicionais do país. A música é universal e a nosa fala tamén o é, porque cantando en galego tamén podes interesar e emocionar a xente de todo o mundo. No meu novo disco canto por primeira vez en portugués, unha versión do Hallelujah de Leonard Cohen e unha canción cuxa letra é a tradución dun poema de Gustavo Adolfo Bécquer. Pero entre o galego e o portugués non hai moitas diferenzas.

-Vostede ten colaborado coa cantante monfortina máis célebre, Rosa Cedrón.

-Si, cantou conmigo en dúas cancións do meu último disco. Unha grandísima cantante e unha grandísima persoa. Gustaríame moito que me acompañase no concerto de Monforte, un lugar co que teño moita relación desde hai moito tempo, pero lamentablemente non poderá ser esta vez.

-¿Como ve a situación actual da música en Galicia, especialmente dos cantautores?

-En Galicia sempre valoramos moi pouco a nosa propia cultura e coa música sucedeu o mesmo, pero penso que nos últimos tempos a situación foi a peor. Hai moi pouca contratación e poucas facilidades para actuar. A min paréceme que era máis fácil organizar actuacións hai trinta e tantos que agora, a pesar de que aqueles tempos do posfranquismo tampouco eran nada favorables. Persoalmente non me queixo porque sigo actuando e gravando, pero na miña opinión a música galega está ferida. E os cantautores máis aínda, os poucos que quedamos. Pero hai que seguir a pesar de todo.

xoán eiriz cantautor