Reforzos para a promoción da Ribeira Sacra en Internet

O consorcio publica na súa web unha serie de panorámicas da zona

As viñas de Doade, en Sober, poden verse nunha das panorámicas que ofrece a web do consorcio.
As viñas de Doade, en Sober, poden verse nunha das panorámicas que ofrece a web do consorcio.

monforte / la voz

O consorcio turístico acaba de incorporar á súa páxina de Internet unha nova sección que recorre aos percorridos virtuais para potenciar o turismo na zona. Trátase dunha interface que recolle numerosas panorámicas en 360 graos de paisaxes, monumentos e outros lugares de interese do territorio. A web do consorcio xa incluíra hai tempo unha serie de panorámicas dos miradoiros do Sil e do Miño que se incorporarán tamén a esta nova sección. «Ata este momento non había imaxes doutros recursos, pero a partir de agora imos potenciar este tipo de presentación dunha forma significativa», sinala Alexandra Seara, a xerente da entidade.

Nunha primeira fase, a páxina ofrecerá 39 panoramas repartidos en catro seccións. Onte só se podían ver 25, pero esperáse poder editar de inmediato as restantes, con vistas das rutas turísticas fluviais. Máis adiante está previsto ir incrementando paulatinamente a sección coa incorporación de novas imaxes. Cada un dos panoramas está acompañado dunha breve descrición e das coordenadas GPS, a fin de facilitar aos visitantes localización de todos estes lugares. Os textos están dispoñibles en galego, castelán e inglés. Para acceder ás distintas versións hai que facelo a través das correspondentes entradas que ofrece a páxina para cada un destes idiomas.

Seccións temáticas

Por agora, a sección máis ampla das catro que contén a interface é a denominada Arte, que agrupa quince vistas panorámicas de diferentes edificios históricos. As igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, Santa María de Pesqueiras, San Miguel de Eiré, San Vicente de Pombeiro e San Xoán de Portomarín, o mosteiro de Xunqueira de Espadañedo, os pazos de Tor e Perrelos e o castelo de Castro Caldelas figuran entre os monumentos que se poden ver nestas imaxes.

Outro apartado, baixo o título de Viño, dedicarase a mostrar paisaxes de viñedos e arquitectura vitícola. A sección compleméntase con outros dous epígrafes, Paseos e Ollar. O primeiro ofrecerá imaxes de zonas urbanas monumentais e rutas de fácil acceso. O segundo recolle espazos naturais e históricos caracterizados polo seu especial interese paisaxístico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Reforzos para a promoción da Ribeira Sacra en Internet