«Tempo», imaxes dun ano enteiro na vida da Serra do Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

MANUEL VALCÁRCEL

O realizador Manuel Valcárcel filma un singular documental

08 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado 23 de novembro veu ao mundo Clara, o primeiro bebé nado en Froxán do Courel en 28 anos. Por eses días comezou a filmación de Tempo, un documental do fotógrafo e realizador audiovisual monfortino Manuel Valcárcel que seguirá rodándose durante os próximos meses. O primeiro ano de vida da nena será o fío condutor do filme, que pretende recoller todo o que vaia acontecendo no seu entorno inmediato.

O proceso de produción do filme, segundo as previsións do seu principal responsable, pode estar terminado para o verán do 2014. Mais unha parte do traballado realizado ata agora xa pode verse en Internet, na páxina web www.tempodocumental.com, que está operativa desde onte. O que se ofrece neste sitio é un teaser ou anticipo onde se condensan as imaxes gravadas durante o primeiro trimestre de traballo. Nos próximos meses iranse publicado outros resumos a medida que o proxecto vaia avanzando.

Segundo explica o realizador, o eixo argumental do filme é o contraste entre a vida e a morte: «Por un lado está a pequena, que representa a vida que comenza e que é como un símbolo de esperanza e de futuro, e por outro lado está a parte da morte, ou sexa, o envellecemento e a despoboación do mundo rural e a degradación ambiental que sufre este territorio». E como testemuña de todos estes procesos está o mundo natural da Serra do Courel, que ocupará un importante espazo na historia.