Antón Patiño: «O meu libro reivindica a creación como espazo de liberdade»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O artista presentou onte en Monforte a súa nova obra literaria, o ensaio «Escritos de un sonámbulo»

14 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O pintor e escritor Antón Patiño presentou onte o seu último libro, Escritos de un sonámbulo, na galería Sargadelos de Monforte, que acolle tamén unha exposición súa. Patiño xa é autor dunha extensa obra literaria que comprende escritos sobre arte, textos poéticos e estudos sobre poetas como Uxío Novoneyra e Lois Pereiro ou pintores como Urbano Lugrís.

-O seu novo libro presenta un estilo fragmentario semellante a outras obras literarias súas, como «Xeometría líquida» ou «Mapa ingrávido». ¿Que relación ten con elas?

-Teñen certa semellanza, porque este tamén é un libro feito de relampos, de intuicións breves, pero penso que Escritos de un sonámbulo foi concibido dun xeito máis deliberado e ten un estilo máis depurado que os anteriores. Xeometría líquida, por exemplo, naceu dunha forma máis espontánea, cando comecei a anotar as ideas e frases que me viñan á mente mentres traballaba no meu obradoiro de pintor. Todos estes libros xiran en torno ao paralelismo entre as artes visuais e a literatura. Gústame dicir que son libros manchados de pintura, ou pinturas manchadas de literatura.

-¿Como definiría esta nova obra?

-É un experimento literario arredor do nacemento das imaxes nas artes plásticas e na literatura. O libro contén moitas reflexións e ideas propias, pero tamén xoga coas ideas de escritores e artistas que influíron moito na miña formación, como Walter Benjamin, Maurice Blanchot, Samuel Beckett, James Joyce, Georges Bataille, Fernando Pessoa, Henri Michaux, Giorgio de Chirico, Alberto Giacometti, Urbano Lugrís... Na obra hai como manchas temáticas e ademais de reflexións sobre a creación artística hai outras dun tipo máis ideolóxico, de crítica a esta esquizoeconomía do noso tempo, a esta tolemia económica e política que estamos vivindo. O libro foi escrito entre o 2007 e 2008, cando aínda non estoupara de todo esta crise, pero xa había moitos síntomas do que se nos viña enriba.

-¿Que sentido ten o título?

-Alude ao mundo da noite e do soño, porque é unha obra na que o mundo do inconsciente é clave. É como un monólogo interior no que as ideas se van asociando de forma aleatoria. Pretende ser un fluxo libre de pensamento na liña da experimentación das vangardas artísticas históricas, que para min seguen sendo algo válido a pesar de que a moderna sociedade do espectáculo fagocita tamén as linguaxes vangardistas. É unha reivindicación da creación artística como espazo de liberdade fronte ao discurso narcisista, voraz e devorador do poder global. Para expresar estas ideas utilizo unha escritura-colaxe que é como un paralelo literario do meu estilo artístico, que podería definirse como abstracción simbólica.

-Este libro, a diferenza dos últimos que publicou, está editado en castelán.

-En realidade é unha tradución feita por min mesmo, porque o texto orixinal foi escrito en galego. Sempre escribín en galego desde a miña adolescencia e os meus libros normalmente aparecen publicados antes en galego que en español, aínda que algunha vez foi ao revés. O que sucede é que desta vez encontrei máis facilidade para editalo antes en castelán, porque o mundo editorial está hoxe en día moi complicado por causa da crise, sobre todo o mundo editorial galego. Pero espero poder publicar tamén a versión orixinal en galego.

-Ata agora publicou libros de ensaio e poesía. ¿Pensa experimentar outros xéneros literarios, como a novela?

-Sería un reto interesante e non o descarto, porque a novela é un xénero que permite todo e a min o que me atrae é precisamente experimentar coa mestura de xéneros e técnicas. Pero antes de poñerme a escribir debería ler e meditar moito, porque a verdade é que non son un bon lector de novelas e necesitaría algo máis de experiencia. Por certo, xa experimentei cun xénero diferente, a literatura memorialística, porque escribín unha especie de libro de memorias no que repaso toda a miña experiencia vital e artística. A obra está terminada hai anos e estou satisfeito dela, pero vou dándolle uns retoques de vez en cando e esperarei aínda algún tempo para publicala. Neste libro falo moito de Monforte, naturalmente, porque os anos que pasei aquí foron moi importantes na miña vida.

antón patiño pintor e escritor monfortino