«É tremendo que se prescinda de mestres e se pechen escolas no medio rural»

La Voz

LEMOS

08 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Julia Varela ten prestado moita atención ao mundo da educación, que analizou en obras como Las reformas educativas a debate. Como experta na cuestión, ve con preocupación os posibles efectos da crise sobre o sistema educativo, sobre todo no mundo rural galego, ao que dedicou o seu libro A Ulfe.

-¿Que opina sobre o impacto dos recortes educativos no medio rural?

-Paréceme tremendo que se prescinda de mestres e se pechen escolas. O que fai falta é un tipo de educación que defenda os valores da civilización rural e que ensine aos rapaces a aproveitar os recursos propios dunha forma sustentable. Habería que orientalos para que poidan encontrar no medio rural un medio de vida digno e para que non lles quede a emigración como única saída. En vez de seguir sacando á xente do rural hai que darlle instrumentos para que poida seguir vivindo no campo, e a educación é importantísima nese aspecto. Outros países teñen adaptado os seus sistemas educativos para favorecer o medio rural e nós tamén deberíamos facelo.