Seguindo o rastro dos morcegos nos bosques do Courel e Ancares

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Un estudo avalía a situación dos poboacións locais de quirópteros

17 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación Drosera está terminando unha investigación realizada co apoio da Fundación Barrié de la Maza que ten por obxectivo avaliar a abundancia e a diversidade das poboacións de morcegos dos bosques das montañas galegas e determinar se hai diferenzas entre as que viven nos soutos e noutros tipos de formación boscosa. O estudo levouse a cabo en diferentes puntos das serras do Courel e dos Ancares, onde existen importantes superficies de souto e de diversas clases de bosque mixto e que ademais concentran a maior parte das especies de morcego coñecidas en Galicia.

Segundo explica o biólogo Roberto Hermida, responsable da investigación, no estudo non s detectaron diferenzas apreciables entre as poboacións de quirópteros que viven nos soutos e nas que viven noutros tipos de bosque. «Non notamos cambios en canto á abundancia de morcegos, á diversidade de especies ou ao tipo de alimentación, que son basicamente os mesmos en todos estes medios», explica o investigador. Aínda que os soutos son formacións artificiais -continúa-, a súa antigüidade e estabilidade ecolóxica permiten a existencia dunha notable biodiversidade que resulta moi acolledora para os morcegos.

Non obstante, o que si notou no estudo é que estes animais se desenvolven mellor nos bosques maduros -sexan do tipo que sexan-, onde abundan as árbores vellas, grandes e con moitos ocos. «Neses lugares non só lles é máis fácil encontrar refuxios, senón que probablemente tamén son máis favorables para a súa alimentación, xa que onde abunda a madeira morta hai máis insectos», agrega.

En todo o caso, os ecosistemas tradicionais da zona parecen ser moi atractivos para estes animais. No territorio do Courel e dos Ancares está documentada a presenza de 22 das 24 especies de morcegos coñecidas en toda Galicia. Os morcegos dos bosques destas montañas non só destacan pola súa diversidade, senón tamén pola súa abundancia e desempeñan un importante papel ecolóxico como reguladores das poboacións de insectos e controladores de pragas.