As oficinas virtuais do consorcio xa están instaladas en 17 municipios

monforte / la voz

LEMOS

17 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O consorcio da Ribeira Sacra puxo en servizo en Quiroga unha oficina turística virtual que foi colocada diante da Casa de Cultura. Como as demais instalacións deste tipo promovidas pola referida entidade, consiste nun soporte de metacrilato dotado dunha pantalla informática que pode ser consultada a calquera hora do día. A finalidade deste servizo -creado grazas a un convenio coa Secretaría Xeral para o Turismo- é ofrecer información aos visitantes en todo momento, mesmo cando as oficinas turísticas están pechadas.

Con esta xa son dezasete as oficinas virtuais instaladas polo consorcio nos municipios que forman parte do grupo. Os únicos que non dispoñen aínda deste servizo son os de Chantada, Portomarín e Xunqueira de Espadanedo. «Esas oficinas non puideron instalarse porque estarán en zonas onde se require autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e os permisos están aínda en trámitación», explica a este respecto a xerente do consorcio, Alexandra Seara.

En fase de probas

Por outro lado, os responsables do consorcio advertiron aos concellos que o programa informático que será utilizado nestas oficinas virtuais está aínda en período de axuste. Por este motivo, nos lugares onde xa están instaladas as pantallas poden producirse fallos que quedarán corrixidos cando o programa se encontre en pleno funcionamento, o que sucederá nun período aproximado de dez días. «Na oficina virtual do Saviñao, por exemplo, a pantalla abríase estes días con información turística sobre o municipio de Chantada e nas outras pode haber erros parecidos», sinala a xerente.

A instalación destas pantallas comezou en outubro no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín. Cando o sistema quede completado, todas as oficinas virtuais facillitarán información acerca de todos os municipios da Ribeira Sacra. Cada unha delas informará en primeiro lugar sobre o municipio onde estea instalado ese aparello.