Xeodestinos diferenciados para promover o sur lucense

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os municipios da zona repártense en dúas das novas áreas de actuación turística creadas pola Xunta

14 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O chamado mapa de xeodestinos de Galicia, presentado recentemente pola Xunta, reparte os municipios do sur da provincia en dúas zonas diferenciadas de promoción turística, entre as catorce que foron delimitadas en toda Galicia de acordo coas directrices da nova Lei de Turismo. A partir de agora, os municipios que conforman estes grupos serán tratados de forma unitaria nas iniciativas de fomento das actividades turística que leve a cabo a administración autonómica.

Por unha parte, a Consellería de Cultura e Turismo creou o denominado xeodestino Ribeira Sacra -que leva o número sete na clasificación oficial-, unha zona que coincide coa conformación actual do consorcio turístico da Ribeira Sacra, xa que inclúe tamén o municipio de Bóveda, que ingresou recentemente nesta última entidade. A zona, polo tanto, está formada, polos trece municipios lucenses e oito ourensáns que integran o referido grupo.

O outro xeodestino é o chamado Ancares-Courel -que ocupa o número seis da lista-, que coincide en grande parte co territorio de actuación do grupo de desenvolvemento rural do mesmo nome. Sen embargo, a nova zona turística inclúe tamén o municipio do Incio -que forma parte do GDR da comarca de Sarria- e deixa fóra o de Baralla, que pasa a integrarse no xeodestino Lugo-Terra Chá.

Deseño e finalidades

A Lei de Turismo define os xeodestinos como «as áreas e espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos naturais, patrimoniais e culturais, con capacidade para xerar fluxos turísticos, e que, xunto á súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular». Para levar a cabo a delimitación destas zonas -como na dos demais xeodestinos galegos-, a Xunta realizou unha enquisa entre todos os concellos afectados e contou ademais coa colaboración de Turespaña, Turgalicia, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, a Fegamp e a Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia.

A Consellería de Cultura e Turismo sinala por outro lado que estas zonas están concebidas como «unha ferramenta de planificación territorial» e «unha fórmula de traballo cooperativo entre administracións» que deberá servir de base para determinar futuros investimentos e para planear accións de promoción turística. A Xunta pretende por outro lado que a creación destes espazos turísticos unificados axude a «erradicar os malos hábitos entre diferentes administracións que operan nun mesmo territorio, evitando duplicidades entre as ofertas das institucións» e a «establecer canles de cooperación no territorio cos axentes públicos e privados en aras de racionalizar os investimentos e recursos económicos».

Material promocional

A primeira actuación para promover o destinos turísticos recén deseñados dentro deste proxecto consiste na edición dunha serie de folletos que están a ser difundidos por Turgalicia e que presentan cada unha destas zonas como un conxunto diferenciado e con características propias, describindo de forma resumida os seus principais atractivos turísticos.

A publicación dedicada á Ribeira Sacra fai fincapé en dimensións como a paisaxe tradicional das marxes do Sil e do Miño, o patrimonio arqueolóxico, a arquitectura relixiosa e a tradición vitivinícola e oleícola. No folleto correspondente ao xeodestino Ancares-Courel menciónanse, entre outros aspectos, a importancia do patrimonio natural das zonas de montaña, os monumentos megalíticos e castrexos, a arquitectura tradicional e a presenza do Camiño Francés e do Camiño Primitivo.