Trinta anos dunha obra moi persoal

La Voz

LEMOS

Máis de 60 creacións do pintor lugués compoñen a mostra aberta onte

11 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ata o 29 de febreiro do 2012, o público poderá ver no Museo Provincial de Lugo unha parte importante da obra do recoñecido pintor, gravador e poeta lucense José Vázquez Cereijo. A mostra retrospectiva Vázquez Cereijo: 1970-2000, que onte quedou inaugurada, está integrada por máis de sesenta obras, entre óleos, gravados e tallas, que constitúen un exemplo do quefacer deste polifacético artista lucense.

Nacido na mesma casa de Lugo na que nacera o seu tío Luís Pimentel, Vázquez Cereijo xa empezou a frecuentar a unha idade moi temperá as xuntanzas do hotel Méndez Núñez co seu tío. Tamén mantivo contacto con outros escritores e intelectuais como Manuel María, Uxío Novoneyra, Celestino Fernández de la Vega e Celso Emilio Ferreiro, persoeiros que influíron na súa maneira de interpretar o mundo.

Fuxindo das tendencias

A obra deste pintor lugués é coñecida pola súa personalidade e por reflectir un mundo propio e exclusivo que moitas veces foxe de tendencias e límites establecidos. Como expresa o historiador da arte Antonio Bonet Correa: «A brillante traxectoria de Vázquez Cereijo é a do eterno buscador dunha beleza terrible e moderna, inalcanzable e fatídica. O punto de partida da pintura de Vázquez Cereijo, na década dos anos setenta da pasada centuria, baséase na vehemencia e desmesura das imaxes. Á distorsión e descomposición das formas engádeselles o cromatismo e tonalidades escuras e violentas da totalidade. Co paso do tempo, a pintura de Vázquez Cereijo discorre por canles máis tranquilas e serenas. Aos brutais seres bicudos e agresivos sucedéronos as paisaxes e cadros de obxectos máis quietos e inofensivos. Os seus gravados ao buril, as súas xilografías e linóleos, realizados con técnicas que enlazan coas das vangardas históricas da primeira metade do século XX, ocuparon gran parte da súa actividade a finais do século.

En 1997 foi galardoado co Premio Nacional de Gravado. Comezou expoñendo no Centro Cultural da Villa de Madrid; creou a galería Mínima; e expuxo en Arco varias veces co grupo que formou con José Luís de Dios ou Luís Eduardo Aute, entre outros.

Desde entón comezou unha incansable carreira cunha riquísima produción de obras, unha selección das cales poden ver lucenses e visitantes nesta mostra. O Museo Provincial contaba xa con dúas obras -Luz de inverno e Os aparecidos- que este artista lle cedera hai anos.

exposición «vázquez cereijo: 1970-2000»

Museo Provincial de Lugo

Día: Todos os días ata o 29-2-2012

Horario: O de apertura do Museo: 10.30 a 14.00 e 16.30 a 20.30 (de luns a venres), 10.30 a 14.00 e 16.30 a 20.00 (sábados) e 11.00 a 14.00 (domingos e festivos)