A asociación Lugopatrimonio homenaxerá o día 12 ao poeta Lois Pereiro no Incio

monforte / la voz

LEMOS

01 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A asociación cultural lucense Lugopatrimonio organizará na primeira quincena deste mes dous actos de homenaxe ao poeta monfortino Lois Pereiro, protagonista da última edición do Día das Letras Galegas. A primeira destas convocatorias está prevista para mañá e consistirá nunha conferencia do escritor monfortino Antón Lopo que comezará ñas oito da tarde no salón de actos da Deputación. Lopo é autor dunha obra biográfica sobre Pereiro, titulada A palabra exacta e publicada en marzo deste ano.

Por outro lado, a asociación organizará o próximo día 12 unha viaxe ao municipio do Incio coa finalidade de celebrar un recital poético no cemiterio de Santa Cristina do Viso, onde está sepultado o poeta. Os participantes visitarán tamén diversos lugares de interese histórico e cultural do municipio, como as igrexas de Santa María do Mao e San Pedro Fiz de Hospital e os petróglifos de Vilasouto. A excursión farase nun autocar que sairá de Lugo ás nove da mañá.

Concerto en Lugo

Por outro lado, a sala lucense Clavicémbalo acollerá o xoves un festival musical en homenaxe ao poeta monfortino que se desenvolverá baixo o lema «As músicas de Lois Pereiro». O concerto comenzará ás once da noite coa actuación de Manu Clavijo, cantautor que editou un disco composto exclusivamente de cancións baseada en poemas de Pereiro. Seguidamente actuará a banda Ondas Martenot, integrada por membros dos grupos Sonoro Maxín, Ultraqäns e O Leo i Arremecághona! A formación, cuxo nome procede do título dun poema de Lois Pereiro, creouse para homenaxear ao desaparecido escritor.