A Feira do Libro de Monforte homenaxeará a Lois Pereiro

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A cita segue sendo a última do calendario anual galego, a pesar dos intentos para cambiala da data

17 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Federación de Libreiros de Galicia ultima estes días o programa da décima cuarta edición da Feira do Libro de Monforte, que se celebrará na zona peonil da rúa do Cardeal entre os días 24 e 27. Entre os actos previstos para este ano figura un coloquio arredor da obra e da figura do poeta monfortino Lois Pereiro, protagonista do último Día das Letras Galegas, que aínda non ten fixada a data e o horario. Segundo explica Ada Agrasar, directora técnica da feira e propietaria da única librería da cidade que participa como expositor, está previsto que esta mesa redonda reúna aos autores dalgúns dos libros publicados durante os últimos meses sobre Lois Pereiro.

O programa seguirá unha liña similar á de anos anteriores, pero a responsable local da feira aínda non coñece con exactitude os contidos, que se darán a coñecer nos próximos días. Como nas edicións precedentes, a feira será inaugurada cara ás oito e media da tarde e contará coa presenza de diversos escritores e cunha serie de actividades paralelas dirixidas ao público infantil.

Sen cambios no calendario

Como xa fixo en edicións anteriores, Ada Agrasar intentou este ano que a federación de libreiros cambiase as datas da celebración da feira monfortina -esta segue sendo a última do calendario anual das feiras do libro en Galicia-, que considera pouco axeitadas por diversos motivos. Por unha parte, o feito de celebrarse a finais de agosto e cerca do inicio do curso escolar fai que os posibles compradores de libros conten cunhas posibilidades económicas máis limitadas. Esta circunstancia, en opinión da directora técnica, fai que as demais librerías monfortinas non se animen a participar na feira, xa que unha grande parte das súas vendas habituais xira precisamente en torno aos libros de texto escolares.

Porén, estas solicitudes non foron atendidas ata agora pola federación de libreiros. «Durante este mes celébranse tamén as feiras da Coruña, Viveiro e Foz, e non queren adiantar a de Monforte para que non coincida con algunha das outras», apunta Ada Agrasar. «Propúxenlles que polos menos houbese turnos no calendario para que cada ano cambiasen as datas das feiras e a de Monforte puidese comenzar antes algún ano, pero polo momento non foi posible cambiar este sistema».

A pesar de todo, a libreira sinala que as vendas que se rexistran cada ano na feira monfortina son bastante satisfactorias, «aínda que non é que sexan unha marabilla».

Libro de Rosa López

Á marxe dos actos previstos para a Feira do Libro de Monforte, o Círculo Saviñao de Escairón acollerá o sábado a presentación do libro Tierra de ausentes. Emigración y retorno en la Galicia interior: O Saviñao, da historiadora Rosa López, natural da parroquia de Currelos. O acto celebrarase ás oito e media da tarde nos locais desta entidade.

O libro de Rosa López foi editado polo Ministerio de Trabajo e Inmigración e recolle unha ampla investigación histórica sobre o impacto das correntes migratorias no municipio do Saviñao, como caso representativo deste fenómeno social na Galicia interior. A maior parte da obra baséase en entrevistas con veciños do municipio que emigraron no período comprendido entre os anos 20 e 80 do pasado século.