«A miña nena é filla única, e aquí é feliz con outros nenos»

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

LEMOS

As familias destacan o labor do proxecto educativo e piden que continúe

09 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Sabela e a Silvia encántalles saír da casa para ir «ao cole». Este ano cumpren tres anos, e para elas «o cole» é a reunión que Preescolar na Casa (PnC) organiza cada 15 días nunha sala do centro social da Milagrosa. Alí xogan, escoitan contos ou aprenden cancións, pero sobre todo comparten tempo e espazo con outros cinco nenos da súa idade. «A miña nena é filla única, e aquí aprende a relacionarse, a facer actividades, e é feliz estando con outros nenos», destacou onte Eva Novo, a nai de Silvia. Os recortes da Xunta en materia de subvencións teñen contra as cordas este proxecto educativo histórico, que naceu en Lugo no ano 1977 para dar resposta ás necesidades educativas que tiñan nenos do rural, pero que axiña se estendeu por aldeas, vilas e cidades de toda Galicia.

«Sería unha pena que desaparecese porque é unha iniciativa moi boa. Miña cuñada ten unha cría que fixo agora dous anos, lévaa ao grupo de Preescolar en Castro de Rei e está encantada. Alí as reunións son todas as semanas», subliñou Marisa, a coidadora de Sabela. Pais e fillos comparten as sesións de Preescolar na Casa, pero cando os primeiros non poden acudir, case sempre por cuestións laborais, son avós, tíos e mesmo coidadoras os que se encargan de levar aos pequenos. En toda Galicia PnC orienta este curso a máis de 3.500 familias -3.825 nenos-, das que preto de 1.000 -máis de 1.100 nenos- residen en concellos situados na provincia de Lugo.

Máis demanda, menos recursos

O proxecto conta neste momento con 61 docentes, dos que 13 son funcionarios da Consellería de Educación, en comisión de servizos. Atenden 810 grupos repartidos por toda a xeografía da comunidade autónoma. E semella que podería haber máis, xa que, ao parecer, hai demanda dabondo, pero faltan recursos para poñelos en marcha. «En Lugo moitas familias queren que se organicen máis grupos pola tarde. Outra demanda que fan sempre é que as reunións sexan semanais», explicou onte a orientadora Isabel Gallego. Dos seis grupos que, por exemplo, funcionan no centro social da Milagrosa, catro son pola tarde e dous pola mañá.

Os programas da TVG e da Radio Galega, a web (www.preescolarnacasa.org) ou a revista nos que Preescolar fomenta unha «cultura da educación infantil familiar» teñen animado a moitas familias a participar. Con todo, o que mellor funciona é o boca a boca, a experiencia previa doutras familias. «É que aquí tes a oportunidade de falar con outros pais, de intercambiar experiencias, de coñecer como resolven eles problemas cos nenos que ti tamén tes...», conclúe Eva.

reportaxe preescolar na casa, en perigo polo recorte económico da xunta