Memoria filmada de Lois Pereiro

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

En Monforte estrearase mañá un documental de 80 minutos sobre o poeta

02 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Casa de Cultura de Monforte acollerá mañá a estrea de Lois Pereiro, seguindo os surcos, un documental sobre a vida e a obra do protagonista do último Día das Letras Galegas que foi realizado pola produtora audiovisual Mr Misto Films co apoio económico da Deputación e do Concello. A proxeccion ofrecerase ás oito da tarde e a entrada será libre.

A estrea foi presentada onte por Gonzalo Enríquez Veloso, realizador do filme, e Xoán Mariño, representante da produtora, que estiveron acompañados pola concelleira de Cultura en funcións, Alicia Cadarso. No acto estivo tamén presente a tenente de alcalde María Xosé Vega, que é entrevistada no documental como amiga persoal de Lois Pereiro.

Segundo explicaron os responsables do proxecto, no filme -que ten unha duración de oitenta minutos- colaboraron numerosas persoas que coñeceron persoalmente a Pereiro, entre os que figuran os seus parentes, algúns dos seus amigos máis próximos e diversas personalidades da vida cultural galega que tamén o trataron, como os pintores Antón Patiño e Menchu Lamas e os escritores Manuel Rivas, Antón Reixa, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Mato, Xulio Valcárcel e Xavier Seoane, entre outros. O actor Quico Cadaval, os músicos Xabier Díaz, Bieito Romero e Manu Clavijo e os escritores César Antonio Molina, María Canosa, Yolanda Castaño, Alfredo Conde, Lucía Aldao e Santiago Fernández están tamén entre os participantes.

Ensaio audiovisual

Gonzalo Enríquez, estudante de filoloxía ademais de realizador, sinalou que a obra pretende ser «unha especie de ensaio audiovisual sobre a poética de Lois Pereiro» e abordar ao mesmo tempo a sua biografía a través dos testemuños directos da xente máis próxima a el. O proxecto -engadiu- comezou coa idea de filmar unha curtametraxe, pero o formato do filme foise agrandando durante o proceso de realización para dar espazo a todo o material que se conseguiu reunir. O director sinalou tamén que o filme non está aínda totalmente acabado, xa que lle faltan aínda algúns retoques técnicos, pero que a versión que se proxectará mañá en Monforte é algo moi semellante ao que se espera que sexa o resultado final.

Pola súa parte, Xoán Mariño explicou que nos próximos meses a produtora pretende exhibir o filme nas principais localidades galegas e presentalo en diversos festivais de cinema documental. Así mesmo, Mr Misto Films está subtitulando actualmente o documental en castelán e en inglés co obxectivo de darlle a máxima difusión posible fóra de Galicia.