A Deputación instalará en Negueira un pantalán para embarcacións pequenas

la voz

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou onte a adxudicación dunha instalación náutica no encoro de Salime, no concello de Negueira de Muñiz, por valor de 109.806 euros. O pantalán permitirá o amarre de pequenas embarcacións, tanto recreativas como de pesca ou de transporte. Esta instalación, que se emprazará nas inmediacións da área recreativa da Virxe da Veiga, constará dun módulo de aluminio flotante de tres metros de ancho con laterais de doce metros de longo.

No futuro neste pantalán tamén poderá ter cabida unha embarcación turística tipo catamarán, semellante ás empregadas nos canóns do Sil. Nestes momentos, o Concello está pendente dos permisos da Confederación Hidrográfica. Unha vez concedidos, a Deputación comezará coa instalación no prazo dunha semana.

Outro dos acordos de onte foi a adxudicación por valor de 309.160 euros da demolición do antigo chalé do Hotel Miño e posterior adecuación para convertelo na sede da UNED.

Medra a plataforma comercial

A Xunta de Goberno aprobou por outra banda os modelos de ficheiros que deben cubrir as empresas para adherirse á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com que o organismo provincial puxo en marcha o pasado día 20 cunha oferta inicial de cen produtos e 16 empresas.

Dende entón, como subliñou onte o voceiro provincial socialista, Antonio Gato, son xa 22 as firmas que ofrecen ata 130 produtos en Internet. Por outra banda, outras 29 empresas, fundamentalmente do ámbito alimentario, xa se puxeron en contacto coa Deputación para solicitar información sobre este primeiro centro comercial virtual de toda a provincia.

No eido deportivo aprobáronse as axudas en concorrencia competitiva a entidades e clubs deportivos e concellos lucenses para a promoción do deporte por un importe total de arredor de 670.000 euros. Como sinalou o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, constatouse un incremento dun 31% nas solicitudes con respecto a 2010.

Da cantidade total, 494.800 euros repartiranse entre as 520 solicitudes efectuadas por entidades e clubs deportivos. Dentro das axudas aos concellos contabilizáronse as mesmas solicitudes ca o ano pasado, 111, para as que hai un orzamento de 170.000 euros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A Deputación instalará en Negueira un pantalán para embarcacións pequenas