Lois Pereiro sobre as táboas

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

En Monforte represéntase hoxe un espectáculo baseado na obra do poeta

28 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O auditorio do centro multiusos de Monforte acollerá hoxe -ás 20.15 horas- a representación de Mundo Lois, un espectáculo escénico inspirado na obra literaria de Lois Pereiro que foi presentado o pasado novembro no festival Culturgal de Santiago e que actualmente percorre diversas localidades galegas. A función foi presentada onte na casa consistorial por Lino Braxe, director e actor da obra, e o músico Alexandro González, natural da Pobra do Brollón e autor da banda sonora. No acto participaron tamén Cani Martínez -representante das produtoras audiovisuais Filmanova e Nordesia, que coproducen o espectáculo- e o alcalde Severino Rodríguez.

Braxe sinalou que base do espectáculo -estruturado a partir dunha idea de Antón Reixa- está na totalidade da obra poética de Pereiro e noutros dous textos seus: o guión televisivo ¿Que é Galicia? e o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Braxe interpreta a obra coa única compañía da actriz Antela Cid nunha montaxe que, segundo indicou Cani Martínez, está pensada «para que a obra de Lois Pereiro se achegue á xente máis nova».

Pola súa parte, Alexandro González mostrouse «moi orgulloso de participar neste proxecto» e de contribuír coa súa música á divulgación da obra do poeta monfortino, que -segundo explicou- descubriu aos 18 anos de idade coa lectura do segundo e último libro publicado en vida por Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade.

Contactos coa Academia

Por outro lado, Severino Rodríguez sinalou que a función de hoxe se encadra no programa de actos organizados ao longo deste ano polo Concello en memoria de Lois Pereiro. O alcalde explicou tamén que o martes mantivo unha reunión co presidente e o secretario da Real Academia Galega coa fin de planificar diversos aspectos dos actos oficiais do Día das Letras Galegas, que terán a Monforte por escenario.