A poesía de Lois Pereiro, no escenario e nas bibliotecas

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Monforte e Lugo acollen esta semana diferentes convocatorias culturais en torno ao poeta

26 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A medida que se aproxima o Día das Letras Galegas, multiplícanse as convocatorias culturais relacionadas con Lois Pereiro. En Monforte, por unha parte, representarase o xoves o espectáculo escénico Mundo Lois, presentado na feira Culturgal de Santiago o pasado ano e dirixido polo escritor e actor Lino Braxe. Por outro lado, a Biblioteca Pública de Lugo acolle unha exposición multimedia sobre o o poeta organizada polas consellerías de Cultura e Educación en colaboración coa editorial Ouvirmos.

A representación de Mundo Lois ofrecerase no auditorio do edificio multiusos a partir das 20.15 horas. O espectáculo parte dunha idea de Antón Reixa e toma como base os textos de Pereiro, na voz do propio Lino Braxe e da actriz Antela Cid. A obra utiliza unha complexa escenografía para traducir plasticamente o universo poético do escritor monfortino, apoiada por unha banda sonora de Alejandro González.

A exposición de Lugo comprende unha pantalla táctil que permite acceder a un programa interactivo dividido en catro apartados: «Fotobiografía», «A voz do poeta», «Xogando coas palabras» e «A música». A isto súmase un muro con dúas pantallas onde se desprega cronoloxicamente a vida e a obra de Pereiro. A instalación permite escoitar a propia voz do poeta recitando os seus versos e cancións compostas por diversos músicos sobre os seus poemas. A exposición percorrerá a seis bibliotecas nodais de Galicia e diversos centros educativos.