«O centro cinexético de Tor nunca chegou a funcionar»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Sotuela di que aínda faltan por investigar moitas supostas irregularidades na xestión da finca do pazo monfortino

22 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Na súa calidade de deputado provincial de Urbanismo, Miguel Sotuela -por outra parte alcalde de Ribas do Sil- participou directamente nas xestións que conduciron á extinción do patronato do pazo de Tor, cuxa liquidación definitiva se fixo efectiva esta semana.

-¿En que se situación queda desde agora a finca do pazo?

-A finca volve ser patrimonio da Deputación, como non debía ter deixado de ser, e dedicarase a actividades que sexan beneficiosas para todos os lucenses e sobre todo para os da zona sur. A finca e as súas instalacións cedéronse co compromiso de que funcionase o Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, que en realidade nunca chegou a funcionar porque a Xunta nunca tivo intención de facer que funcionase.

-¿Xa non hai ningún trámite pendente?

-O proceso administrativo está terminado, pero a xustiza aínda ten que investigar irregularidades contables de moi difícil xustificación que detectamos na xestión desta propiedade. Ademais dos que xa se divulgaron no seu momento, hai outros datos que non difundimos antes para non entorpecer o proceso. A investigación destes feitos aínda está en marcha e xa se verá en que queda.

-¿En que consisten esas presuntas irregularidades?

-Son unha serie de gastos do período 2007-2008 que non están debidamente xustificados. Por exemplo, apareceron cheques por un valor de 132.376 euros que cobrou o xerente da fundación non se sabe moi ben por que, a pesar de que cobraba un soldo mensual de 4.565 euros. Emitíronse tamén cargos de tarxeta Visa por valor de 3.400 euros sen xustificación. E están por outro lado os gastos dunha serie de viaxes a lugares que non parecen ter moita relación coas actividades do centro, como Miami, Florencia, Bolonia, Dublín, Barcelona, Bailén ou Burgos. Ademais das viaxes en avión hai facturas de hotel, como unha de 728 euros que foi emitida en Florencia. Déronse algunhas situacións raras, como a reclamación por parte do Parador de Monforte do pago dun aloxamento por valor de 549 euros. E aínda que o centro tiña dous automóbiles á súa disposición, os seus responsables deixaron facturas de aluguer de vehículos por un valor total de 4.817 euros.

miguel sotuela deputado provincial de urbanismo