A Feira do Libro pecha as súas portas con máis vendas

Natalia Díaz MONFORTE |

LEMOS

Os libreiros fixeron un balance positivo da mostra de Monforte, que onte celebrou a súa última xornada

29 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Feira do Libro de Monforte rematou onte cumprindo as expectativas dos participantes. Os libreiros que acudiron á mostra, que pecha o circuíto de feiras do libro que se celebra en Galicia neste ano, marchan contentos, malia que a crise, como era de esperar, se deixou notar. Aínda así, a maioría deles resaltaron a animación na rúa nos días que durou a mostra e unhas vendas superiores ás do anterior ano.

En liñas xerais, tendo en conta o momento de recesión económica imperante e as datas nas que se celebrou a mostra (a finais de mes), foron moitos os que se achegaron para interesarse por diversos títulos e non poucos os que mercaron algún exemplar. «Miran moito máis os prezos e optan polos libros de peto que sempre custan menos», sinala Ada Agrasar González, directora técnica da feira e propietaria da única librería de Monforte que acudiu á mostra, «pero en xeral os libreiros están contentos co ambiente e coas vendas», comenta.

Durante a mostra experimentouse unha apertura do público cara temas de coñecemento e de carácter divulgativo. Así o constatou María Dolores Puerta, propietaria da librería compostelá Aenea, a quen lle sorprendeu gratamente o interese que mostraron os máis pequenos, chegando a contaxiar aos pais. No seu expositor triunfaron os libros educativos e os de saúde. Tamén os infantís, e de xeito moi especial La evolución de Calpurnia Tate , de Jacqueline Kelly. «A xente precisa información fiable e non tan rápida como internet, necesitan que estea máis adaptada a unha experiencia máis persoal», sinala.

Gonzalo Pérez é o dono da libraría Cartabón, de Vigo, un dos «históricos» da Feira do Libro xa que leva oito anos acudindo a Monforte. En comparación coa anterior edición, viu unha mostra máis animada e con maiores vendas. Entre os libros que máis vendeu destacan os álbumes ilustrados de Kalandraka (en diversos idiomas). En narrativa, os exemplares con máis saída foron as dúas novelas de Domingo Villar : A praia dos afogados e Ollos de auga . No referente á literatura infantil, os máis solicitados foron Soy un gato de Natsume Soseki, Contra el viento del norte de Daniel Glattauer e La evolución de Calpurnia Tate , de Jacqueline Kelly.

Data alternativa

En canto ao cambio de data proposto pola asociación de libreiros de Monforte para celebrar a feira a comezos de agosto de cara a evitar a súa proximidade ao inicio do curso escolar e facilitar que outras librerías da cidade participen nela, non poderá ser ao menos na edición do ano que vén, xa que segundo indicou Ada Agrasar, dende o Concello sinalaron que a cita coincidiría con outras feiras e moitos dos expositores están comprometidos con outros lugares.