Novoneyra foi homenaxeado en Sober por Encontro Irmandiño

La Voz MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

08 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Encontro Irmandiño, a corrente do BNG que encabeza Xosé Manuel Beiras, homenaxeou onte ao pé do santuario de Cadeiras a Uxío Novoneyra cunha lectura compartida de poemas do escritor do Courel, ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. O recital tivo lugar no primeiro encontro de verán organizado por este colectivo, que se celebrou no concello de Sober coa participación duns sesenta simpatizantes. Os actos remataron cunha charla de Beiras no centro sociocultural de Sober co lema A crise: consecuencias e alternativas .

A lectura de poemas de Novoneyra, que contou coa presenza dun fillo de escritor, comezou despois dun xantar de confraternidade na área histórico-natural de Cadeiras, que estivo animado por varias actuacións musicais. Entre os asistentes ao recital poético estaba o escritor chantadino Xosé Lois García, autor de varios traballos sobre a obra a a vida do autor homenaxeado este ano con motivo da celebración das Letras Galegas.

Visita a Proendos

O primeiro encontro de verán da corrente liderada por Beiras comezou ao mediodía coa concentración dos asistentes na Praza do Concello de Sober. Posteriormente, os participantes na reunión realizaron unha visita guiada guiada aos petroglifos e á igrexa románica de Proendos. Despois do recital de poesía que seguiu ao xantar en Cadeiras, participaron nunha lembranza das persoas asasinadas en Sober no 1936.

Este acto en lembranza das vítimas da Guerra Civil tivo como escenario o centro sociocultural de Sober, onde posteriormente Beiras pechou o encontro de verán coa súa conferencia sobre a crise, que foi seguida por numeroso público.