«Quería recoller todos os títulos da literatura xuvenil e infantil galega»

Natalia Díaz CHANTADA |

LEMOS

28 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Manuel Figueiras é profesor de lingua e literatura galega e responsable de www.filix.org, unha web chantadina creada en 1999, na que os usuarios poden atopar un catálogo con máis de 1.700 títulos da literatura intantil e xuvenil galega publicados dende o 1975.

-¿Que é www.filix.org?

-Filix era a Feria do Libro Infantil e Xuvenil que se celebrou en Chantada durante varios anos hai xa máis dunha década. Despois de que rematase a feira, decidín crear unha páxina persoal na rede que aspirase a recoller todos os libros de literatura xuvenil e infantil publicados orixinalmente en galego.

-¿Cantos títulos inclúe a páxina?

-A día de hoxe conta con máis de 1.700 libros. Vou subindo títulos segundo o tempo que teño. No que vai de ano, subín vintetrés exemplares.

-¿E cantas visitas recibiu?

-Hai tempo que non o consultei, pero o ano pasado o contador marcaba 900.000 visitas, así que a esta alturas xa supera esa cifra.

-¿Quen adoita consultar a súa web?

-Todo tipo de público. Dende investigadores, estudiantes, profesores, persoal da universidade...

-¿Que poden atopar nela?

-A páxina inclúe un catálogo con breves reseñas de libros infantís e xuvenís publicados en galego dende 1975. Cada reseña está acompañada da reprodución da portada do libro.