Rubián celebrou a feira Outrora con gran éxito de expositores

Natalia Díaz MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

15 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Rubián volveu celebrar un ano máis unha feira como as de antes. Trátase da oitava edición da feria Outrora, na que se fai unha recreación histórica dunha feira tradicional galega. Esta iniciativa comezou hai oito anos pero foi nesta edición cando bateu record de participación no que a expositores se refire. A zona de recreación acolleu 50 postos, cando a cifra habitual son 30.

Tampouco fallaron os veciños, que dende pola mañá cedo se dirixiron cara á entrada da capela do Ecce-Homo, onde a partir das 10 horas se abriron ao público as exposicións de artesanía, maquinaria agrícola e os postos de recreación etnográfica. Media hora máis tarde comezou a representación dos oficios tradicionais e artesáns. Os visitantes que se achegaron ata Rubián puideron observar como traballaban antigamente os afiadores, ferradores, zoqueiras, palilleiras, ebanistas, panadeiros, ferreiros e vidreiros, entre outros. Non faltou a música, que nesta ocasión correu a cargo da Banda de Gaitas Municipal de Bóveda, nin a comida, cunha degustación de produtos tradicionais e a habitual pulpada.

Recreación da malla

Xa pola tarde, despois de xantar, celebrouse un obradoiro para os nenos no parque infantil, con xogos tradicionais, e tivo lugar a festa da auga e da espuma. Os adultos disfrutaron do concerto da soprano Noemi Mazoy na Capela do Ecce Homo. En torno ás oito da tarde os expositores pecharon as súas portas pero as actividades non cesaron. Á recreación da malla seguiuna a cea que tiña como protagonistas o isco no guizo e a cacheira. Un ano máis a xornada rematou co baile «Lembrando o salón do Pasanantes», que se desenvolveu nas naves da feira.