Lois Pereiro, un poeta de Monforte

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

O Concello proxecta organizar ao longo do 2011 varios actos en memoria do malogrado autor, que xa foi lembrado en diversas ocasións pola súa cidade natal

29 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Real Academia Galega aínda non decidiu se Monforte será o escenario do acto central do Día das Letras Galegas do 2011, dedicado ao poeta Lois Pereiro, xa que a elección do lugar desta celebración é algo que tradicionalmente se realiza con bastante posterioridade á designación do escritor elixido para protagonizala. Non obstante, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, recordou que «o criterio habitual é ir aos sitios onde naceron os escritores que son homenaxeados nesa data, a non ser que por algún motivo especialmente importante sexa aconsellable celebrar estes actos noutro lugar».

Os académicos decidirán máis adiante -nunha data aínda non determinada- o lugar en que se levará a cabo a celebración principal do próximo 17 de maio e terán especialmente en conta a opinión da familia do poeta monfortino, segundo indicou Méndez Ferrín, quen por outro lado lamentou o prematuro falecemento de Lois Pereiro en 1996, aos 38 anos de idade, e comparou a súa perda coa do poeta rianxeiro Manuel Antonio. «Son poetas que deixaron unha obra de enorme valor para a literatura galega e que inguén pode dicir ata onde terían chegado de vivir máis tempo», sinalou a este respecto. «Ademais da perda humana que supuxo a súa morte para todos os que o coñeceron, foi unha perda tremenda para a literatura e a cultura. Se Lois Pereiro seguise vivo, hoxe estaría en plena forza e en plena madurez como poeta e quen sabe o que podería dar alguén que foi capaz de deixar unha obra de tanta calidade cando aínda era un home novo», engadiu.

Iniciativas do Concello

Pola súa parte, o Concello de Monforte estudará a posibilida de organizar ao longo do próximo ano unha ampla serie de actividades culturais para divulgar e homenaxear a figura e a obra literaria de Pereiro, a maiores das celebracións oficiais promovidas pola RAG. «Sempre contando coa familia de Lois Pereiro, imos esforzarnos por darlle a maior importancia a súa figura e ao seu valor literario e intelectual», indicou a este respecto o alcalde Severino Rodríguez.

O Concello monfortino xa homenaxeara pola súa conta a Lois Pereiro con ocasión do Día das Letras do 2005 -dedicado ao poeta Lorenzo Varela-, organizando un recital dos seus poemas na Ponte Vella. Neste acto, precisamente, falárase da posibilidade da dedicarlle algún día esta celebración. O malogrado poeta monfortino ten tamén unha rúa dedicada na súa cidade natal desde o ano 2000.

Desde o seu pasamento, Monforte ten acollido ademais outros actos públicos na súa memoria. O primeiro deles, celebrado na Casa de Cultura en 1997 durante a sexta edición da Feira do Libro local, congregou aos escritores Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello e Ana Romaní, compañeiro de xerazón literaria.

Neste mesmo local, pouco antes do seu falecemento, o propio Lois Pereiro presentara o seu último libro publicado en vida, Poesía última de amor e enfermidade , nun acto en que participara tamén o poeta Manuel María e que fora organizado polos institutos locais de ensino medio.