Cultura realiza hoxe unha xornada de portas abertas e visitas guiadas ao Arquivo Histórico Provincial

La Voz LUGO/LA VOZ.

LEMOS

09 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Consellería de Cultura e Turismo impulsará hoxe unha xornada de portas abertas no Arquivo Histórico Provincial, con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos. Haberá visitas guiadas á institución cultural, situada na rúa Cambría, dentro do horario de recepción, é dicir, de 09.00 a 14.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas. Ademais entregaranse folletos informativos e mesmo publicacións do propio centro.

A Xunta conmemorará a data en todos os arquivos propios e xestionados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O 9 de xuño celébrase en todo o mundo a efeméride, que recorda a data na que en 1948 se creou o Consello Internacional dos Arquivos (ICA) baixo os auspicios da UNESCO. Trátase dunha organización non gobernamental que promove a conservación e uso dos arquivos, co obxectivo de contribuír á xestión dos documentos e á preservación do patrimonio arquivístico da humanidade.

O ICA facilita e presta apoio no desenvolvemento dos arquivos en todos os países, en cooperación con outras organizacións, gobernamentais e non gobernamentais. Tamén promove as boas prácticas.