A cereixa de Ribas do Sil será promocionada pola Deputación

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA/LA VOZ.

LEMOS

09 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Deputación incluirá as cereixas do municipio de Ribas do Sil no programa Lugo Sabe, un distintivo de calidade creado recentemente para promocionar os produtos tradicionais de diferentes zonas da provincia. Esta marca utilízase para promocionar produtos alimentarios autóctonos cultivados ou elaborados nos municipios das reservas da biosfera Terras do Miño, Eo-Oscos-Terra de Burón e Os Ancares, así como da zona do Courel.

A iniciativa foi anunciada coincidindo cun acto promocional da próxima edición da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas do Sil que se celebrou onte pola mañá na praza de abastos de Lugo. O alcalde deste municipio, Miguel Sotuela, repartiu entre o público cereixas cedidas por colleiteiros da zona xunto co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a concelleira lucense de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela.

Sotuela animou aos asistentes a este acto a acudir á oitava festa gastronómica que se celebrará en San Clodio entre o sábado e o domingo, recórdandolles que non só se ofrecerán cereixas autóctonas, senón tamén aceite artesanal e outros produtos típicos locais, como o viño, os licores tradicionais, o mel ou os figos. Como xa se adiantou, este ano poranse á venda na feira arredor de 2.000 quilos de cereixas e en torno a 250 litros de aceite.

Gómez Besteiro, pola súa parte, incidiu na necesidade de «promocionar no exterior este e outros produtos únicos da nosa provincia». A concelleira Luisa Zarzuela resaltou o interese que despertou este acto promocional entre o público da praza de abastos -o primeiro deste tipo que se celebra neste espazo-e anunciou que en vista de este éxito, o Concello de Lugo organizará máis adiante outras iniciativas similares.