«Nunca pinto xente traballando, só pinto xente alegre»

LEMOS

06 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O pintor coruñés Manuel Nilo Zapata Figueiras -Manolo Zapata de nome artístico- ten un dos seus obradoiros na aldea dos Queixeiros, na parroquia chantadina de Líncora, de onde procede a súa familia materna. O artista vai con frecuencia a este estudio -na chamada casa da Perrisquita- a pintar os seus óleos, nos que predominan o que chama as «cores máxicas», o azul cobalto e o cadmio.

-Vostede é coñecido sobre todo como un pintor de gaiteiros.

-É certo que pinto moitos gaiteiros, pero tamén pinto moitas máis cousas. Pinto nus, pinto a música, pinto o viño... O que nunca pinto é xente traballando, só pinto xente alegre bailando, tocando ou bebendo.

-¿Que método de traballo segue cando vén pintar á aldea?

-Normalmente traballo durante toda a noite e remato a xornada cara ás sete da mañá. Inspíranme os mouchos, pero tamén a música. Toco sete instrumentos e non poido pintar sen música. Mentres pinto estou escoitando sobre todo fados e cancións de Joaquín Sabina.

-¿Non se lle queixan os veciños?

-Hai un que se queixa un pouco, pero é precisamente o que vive máis lonxe da miña casa.

-¿A paisaxe da Ribeira Sacra inspíralle tamén para pintar?

-Si, ás veces collo o cabalete e vou pintar por aí, a facer traballo de campo. No outono pasado fixen unha colección de cadros de castiñeiros e de cepas retortas.