Enrique Rodríguez Fernández leva quince anos no oficio de tratante, e xa é a segunda xeración. Este chantadino recoñece que co paso dos anos hai menos gando nas feiras.
-¿Estase perdendo a tradición de criar o porco na casa?
-A xente nova non é precisamente a que máis me pregunta pola miña mercancía. Ademais xa non se interesan por sabela manexar, pola ceba, as labouras da matanza, facer os chourizos...
-¿Nótase moito o cambio nas feiras de gando duns anos ata agora?
-Cando eu empecei, nesta feira de Chantada habería uns mil trescentos porcos. Hoxe haberá uns douscentos, tirando polo alto.
-¿Que raza vende máis?
-A Piatren é a que máis se vende, aquí ten moita demanda. A súa carne é moi sabrosa.
-¿Que inconvintes destacaría do seu oficio?
-Hoxe en día todo é moi caro para o tratante de gando. O pagamento da limpeza e desinfección do vehículo son uns vinte euros e hai que engadirlle o prezo do combustible do camión, que non anda barato. E logo está a posibilidade de non ter boa feira e non vender, co que todo é gasto. Tamén en certo momento houbo sancións moi duras para os compradores. Esixíanlles moito rigor no transporte dos animais, o que era un sinónimo de gasto. É un traballo moi escravo, hai que lembrar que non temos nen sábados nen domingos.