«Un accidente de cinco camións é o que máis me ten impresionado»

LEMOS

28 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

José Amador Ratón Argiz, leva once anos traballando no grupo municipal de intervención rápida (Grumir) de Chantada, un servizo moi activo en toda clase de emerxencias.

-¿Como está a agrupación en Chantada?

-Somos quince persoas ao completo, pero permanentes somos só tres. Os outros doce eventuais están dependendo de se chegan as subvencións.

-¿En que se centra o seu traballo?

-Accidentes de tráfico, incendios e busca de persoas. Para participar en salvamentos aínda non estamos capacitados porque nos faltan medios humanos e materiais. Pero axudamos na medida do posible. Nos asuntos de tráfico si somos os máis útiles, porque temos material de excarceración, aínda que xa se vai quedando anticuado, e persoal competente para manexalo. Sempre somos os primeiros en chegar xunto coa guardia civil.

-¿Desprázanse lonxe?

-A nosa zona de actuación é todo o partido xudicial de Chantada, e tamén saímos a zonas do Saviñao que nos quedan máis perto que aos de Monforte.

-¿Algunha vez estivo en perigo?

-Os incendios en vivendas son situacións de bastante perigo, pero o que máis me ten impresinado foi un accidente de cinco camións na circunvalación no Convento, dous chocaron de frente e foi terrible excarcerar a aqueles dous homes. Houbo que avisar aos bombeiros de Monforte.