O colexio Cervantes apúntase á reciclaxe

Cristina López

LEMOS

Este centro educativo da capital luguesa estrea participación no programa Voz Natura cun proxecto baseado na recollida selectiva de papel de aluminio para reutilizalo

31 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Recíclase papel, plástico, vidro, pilas, cedés..., pero ata o de agora a ninguén se lle ocorrera a idea de reciclar aluminio, ou mellor dito, o papel de aluminio que con tanta frecuencia se usa, por exemplo, para envolver os bocadillos dos escolares.

Foron precisamente uns escolares -os do colexio Cervantes de Lugo- e os seus mestres os que decidiron poñer en marcha no seu centro a recollida selectiva de papel de aluminio de consumo doméstico, que se destinará posteriormente á reciclaxe. Con esta iniciativa este colexio participa por primeira vez no programa de educación ambiental Voz Natura.

A posta en marcha deste proxecto, no que está implicado todo o profesorado e os máis de 200 alumnos con que conta o colexio Cervantes, conlevou a distribución de caixas e pequenos contedores polas aulas e demais dependencias do centro para depositar o papel de aluminio. Con esta medida trátase de acadar dous obxectivos: por unha banda, que eses envoltorios non acaben no chan, na papeleira ou no contedor onde van parar o resto dos residuos orgánicos, e por outra, concienciar ao alumnado da importancia da reciclaxe do papel de aluminio, xa que se trata dun material altamente contaminante e non degrabable.

O proxecto que idearon os profesores e os estudantes do colexio Cervantes consta de varias fases. A primeira delas, que é a que están desenvolvendo actualmente, é a da recollida. A implicación dos escolares é tal que nos contedores non só acaba o papel de aluminio co que traen envoltos os seus bocatas, senón tamén o que recollen nas súas casas, e mesmo o que os seus pais e as súas nais van xuntando nos seus lugares de traballo.

Xa ao longo do curso irán desenvolvendo unidades didácticas dedicadas á reciclaxe e á conservación da natureza, axeitadas ás idades de cada un dos alumnos, que van desde os tres anos ata os que cursan sexto de Primaria. Para rematar, todo o papel de aluminio recollido venderase a unha empresa especializada na súa reciclaxe e reutilización. Co que se obteña adquiriranse árbores autóctonas coas que toda a comunidade educativa do colexio Cervantes -pais incluídos-levará a cabo a repoboación dun espazo natural.

Patrocinadores

O programa de educación ambiental Voz Natura conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación da Coruña, a Fundación Gómez Franqueira e as empresa Leche Celta e Cabreiroá. As entidades que colaboran co programa son: Obra Social de Caixa Galicia, Begano-Coca Cola e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.